A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou a este programa 280.000 euros, beneficiándose 20 desempregados
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na clausura do obradoiro ordinario de emprego que se levou a cabo nos últimos meses en Ponteareas e no que se formaron 20 desempregados. No acto, o delegado estivo acompañado do alcalde da localidade, Xosé Represas.
O Obradoiro “Compromiso Social III” ofreceu formación sobre Atención Sociosanitaria e Operacións auxiliares de revestimentos de Construción durante 9 meses, ao que o Goberno galego destinou presto de 280.000 euros. Aos 20 alumnos, dez por especialidade, hai que sumar o contrato de unha directora, unha titora, tres docentes e unha administrativa.
A posta en marcha o Obradoiro está enmarcada dentro da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.“Compromiso Social III” estivo destinado a formar aos alumnos na atención sociosanitaria á persoas dependentes en institucións de Ponteareas, así como a persoas dependentes en domicilio. Os alumnos tamén levaron a cabo a reforma da escola unitaria de Guillade.
O delegado territorial recordou a importancia de iniciativas de formación como as que hoxe se clausuran para que “os máis novos e as persoas con maiores problemas de reinserción laboral atopen un emprego. Estes obradoiros permiten que os participantes reciban un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado”.
A Xunta puxo en marcha nos últimos meses 83 obradoiros, 23 deles na provincia de Pontevedra por un importe de 5,5 millóns de euros a través dos que 425 beneficiarios recibiron formación e un contrato de traballo.
Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. Desenvolvéronse así 59 obradoiros xerais e 24 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica. En total, na provincia de Pontevedra leváronse a cabo 16 obradoiros xerais e 7 específicos, dos cales 2 desenvolveronse no Condado-Paradanta: Salvaterra-As Neves e Ponteareas.
A Xunta destaca a importancia de seguir poñendo en marcha iniciativas que sirvan para dinamizar a economía no rural a través de programas como son os obradoiros de emprego ou o Galicia Rural Emprende. En total, en toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego.
Nova convocatoriaA Xunta investirá 29,6 millóns de euros na convocatoria deste ano (un 50% máis que na anterior) para a posta en marcha dunha nova iniciativa para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas: os obradoiros duais de emprego que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.
Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.
Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que poderán concorrer ás mesmas non só os concellos (nos que terán prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
- Te recomendamos -