A conselleira do Medio Rural estivo hoxe no lugar de Mazaira para supervisar estes traballos que permitirán contar cunha nova infraestrutura no mes de setembro
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o concello de Melide para comprobar o inicio das obras sobre o río Furelos, no lugar de Mazaira, que permitirá mellorar a conexión entre este concello e o de Toques. Trátase esta dunha reclamación histórica dos veciños da zona e máis en concreto do colectivo de pescadores á que agora se da resposta a través dun convenio entre a Consellería do Medio Rural e ambos municipios.
As obras que xa comezaron contan cun orzamento superior aos 300.000 euros e estarán finalizadas no mes de setembro. Nese momento existirá unha nova ponte sobre o río, xa que o proxecto contempla a completa substitución da estrutura que existe a día de hoxe, fóra de servizo e en estado ruinoso. A nova infraestrutura medirá máis de 30 metros de longo. O proxecto inclúe tamén o afirmado dos novos accesos á estrutura así como a mellora do firme dos camiños existentes en ambos lados.
Durante a súa visita, a conselleira do Medio Rural sinalou a importancia desta obra para a contorna, xa que permitirá mellorar a accesibilidade dos veciños e a comunicación entre os concellos. “As veces fixámonos só nos grandes proxectos e pequenas actuacións coma esta poden mellorar, e moito, a calidade de vida dos veciños”, declarou Ángeles Vázquez. De feito, a responsable autonómica estivo acompañada na súa visita por membros da asociación de pesca Río Furelos, o colectivo que máis reclamou esta renovación polo uso que lle daban. Así mesmo, asistiron ao inicio dos traballos os alcaldes de Melide e Toques, Dalia García e Miguel Angel Buján, xunto ao director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.
Mellora comunicaciónEsta non é a única obra que se está a desenvolver en Melide financiada pola Xunta. Como cada ano, o Plan marco de mellora de camiños municipais permite aos concellos arranxar viarios da súa competencia. Neste exercicio, grazas a axuda de 70.849 euros da Consellería do Medio Rural, Melide renovará os accesos a Goián, Petos, Agro do Campolongo, Suportiños, Barreiros e Vilela. Polo mesmo importe, o ano pasado melloráronse os camiños de Donide, Formigueiro, Fogueirada, Trasmundi, Figueroa e Ribas.
- Te recomendamos -