Inicio Galicia A Xunta impulsa en Agolada a formación en novas tecnoloxías para artesáns...

A Xunta impulsa en Agolada a formación en novas tecnoloxías para artesáns no marco do Corazón da Artesanía

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, visitaron esta mañá o curso de formación especializada “Novas ferramentas para novos materiais”

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, visitaron esta mañá a última sesión do curso de formación especializada para artesáns “Novas ferramentas para novos materiais”, que se está a celebrar esta fin de semana no conxunto dos Pendellos de Agolada (Pontevedra), no marco do Corazón da Artesanía. VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. A actividade estase a desenvolver desde o pasado venres e está dirixida polo arquitecto e artesán maquetista Rubén García-Louzao Araújo.

O obxectivo do curso é introducir os profesionais de Artesanía de Galicia nas posibilidades que ofrece a impresión en 3D para o seu traballo, así como a formación no deseño específico para utilizar esta ferramenta, os materiais que requiren e un uso básico e mantemento das impresoras. Tradición e novas tecnoloxías danse a man nesta actividade formativa organizada pola Fundación Artesanía de Galicia na que os asistentes aprenderán a realizar unha peza empregando ferramentas como cortadoras láser, impresoras 3D, materiais termodeformables, espumas inxectables ou polímeros.

O VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que comezou o pasado venres nos Pendellos de Agolada, remata hoxe cunha xornada na que tamén haberá música e gastronomía. A partir das 13:00 horas, a Praza do Concello acolle a Sesión Vermú Lodeiros, coa actuación do grupo compostelán De Vacas, e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a do grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina (A Coruña).

A iniciativa Artesanía no Prato, coa que se busca incorporar as pezas de Artesanía de Galicia como soporte da cociña galega de vangarda, pecharase tamén mañá domingo co showcooking do cociñeiro do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña do Catering Boketé (A Coruña), que se realizará en dúas sesións ás 13:30 horas e ás 15:00 horas.

Nesta edición do Corazón da Artesanía están a participar un total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes, así como 49 expositores de produtos gourmet. Na xornada de hoxe continúan tamén os obradoiros abertos a todo tipo de públicos que se celebran en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. Hai talleres de cestería, impartido por Dolores Lourón (Lugo); de manipulado de papel, a cargo do obradoiro Mimadriña (Fisterra); de torno cerámico, impartido polos ceramistas Susana González (A Coruña), Antón Román (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); de tapices, dirixido por Marina Seoane; de tecido en baixo lizo, a cargo da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais e dirixido por María Xosé Martínez; e de elaboración de calzado con materiais reciclados, impartido polos artesáns José Antonio Carrera (Vigo), Aroa Veiga (Gondomar) e Rebeca Rodríguez (Vigo). Ademais, o obradoiro Como pez en el agua (Santiago de Compostela) encárgase dun taller de pintura sobre tecido especialmente dirixido ao público infantil.


- Te recomendamos -