O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou a aposta do Goberno galego pola modernización das infraestruturas para “facer máis competitivas ás nosas empresas”
A Xunta de Galicia achegou nos dous últimos anos 191.700 euros para mellorar os accesos ao polígono industrial de Becerreá; deste montante, 71.718 corresponden á conexión coa estrada N-VI, proxecto que se executará nos vindeiros meses, e 120.000 euros ás obras xa executadas na rúa Corteliña, que serve de conexión co núcleo urbano. A Consellería de Economía, Emprego e Industria asumiu en ambos casos o 80 por cento do custo das intervencións.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Xunta aposta pola modernización das infraestruturas dos parques para “facer máis competitivas ás nosas empresas, que poden deste xeito beneficiarse da mellora dos servizos comúns das áreas industriais”.
A obra que se levará a cabo en Becerreá servirá para mellorar a seguridade viaria na zona. Construirase unha beirarrúa pola marxe dereita que conecte o parque empresarial coa saída cara á N-VI; repararanse outros tramos de beirarrúas e do firme da calzada, e completarase a instalación de servizos de abastecemento e recollida de pluviais afectados.
Balseiro lembrou que no conxunto da provincia a Consellería apoia con 1,3 millóns de euros proxectos de actuación nos parques empresariais de 15 concellos, mobilizando 1,6 millóns de euros de investimento.
Estas axudas -afirmou- “poñen de manifesto que a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial e co apoio ao emprendemento”, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.
- Te recomendamos -