Inicio Galicia Constituído o Grupo de traballo polas emerxencias de Ourense para avanzar na...

Constituído o Grupo de traballo polas emerxencias de Ourense para avanzar na mellora da cobertura a nivel provincial

0

Está formado por representantes da Xunta, da Deputación provincial e dos concellos

A primeira reunión do Grupo de traballo polas emerxencias da provincia de Ourense tivo lugar hoxe na Cidade das Burgas. O obxectivo do encontro foi constituír formalmente este foro, no que están representados a Xunta, a Deputación provincial e os concellos.

A xuntanza, que contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, serviu para establecer unha axenda de traballo de cara a análise do mapa de emerxencias da provincia, co obxectivo de mellorar a cobertura en posibles zonas de sombra.

Para conseguilo, abordarase o estudo das áreas atendidas por cada servizo de emerxencias para determinar se son necesarios axustes para conseguir unha atención plena do conxunto da poboación en tempos axeitados. De ser o caso, o grupo poderá tamén acordar fórmulas para resolver as posibles disfuncións que se detecten con solucións que sexan compartidas por todas as administracións implicadas.

Esta iniciativa derívase do acordo acadado no seo do Grupo de Traballo polas emerxencias a nivel autonómico, que determinou a creación de foros provinciais co obxectivo de dispoñer de información máis detallada e adaptada ás necesidades de cada territorio á hora de abordar a mellora do mapa das emerxencias.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta a nivel autonómico e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias de Galicia, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación da comunidade autónoma.


- Te recomendamos -