A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia de ofrecer contidos adaptados a cada colectivo, así como do emprego de novas metodoloxías de ensino
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe que o departamento que dirixe está a impulsar a formación do persoal das administracións locais a través de contidos especializados co obxectivo de mellorar cada día o servizo que se presta á cidadanía.
Nunha resposta parlamentaria, detallou que a formación a este colectivo profesional articúlase a través de dúas vías: mediante a convocatoria directa de actividades formativas dentro da programación da EGAP; e a través de subvencións para plans de formación das entidades locais de Galicia.
No que se refire á primeira vía, destacou que este ano a Escola ofertou un total de 321 actividades formativas con 1.320 prazas destinadas aos empregados públicos das entidades locais. Os contidos abordaron asuntos de interese, adaptados ao traballo cotiá que teñen que desenvolver os concellos, como o urbanismo, a auditoría, a contabilidade pública, ou a normativa referida aos dereitos das persoas con discapacidade.
Cómpre destacar que, ademais desta formación específica, os empregados das entidades locais tamén poden acceder aos módulos formativos que están a disposición de todos os traballadores públicos a través do programa de autoformación, do plan formativo ofimático de Galicia, e das convocatorias en materia de idiomas.
Neste sentido, a directora da EGAP puxo tamén en valor o emprego de novas metodoloxías que permiten conciliar os tempos profesionais e persoais, de aí que unha elevada porcentaxe dos cursos xa se imparten en modalidade de teleformación. Ademais, este ano tamén se realizou un importante esforzo na descentralización da totalidade das probas presenciais, con exames simultáneos na sete principais cidades galegas en todos os cursos en liña.
Por último, Rodríguez-Campos referiuse tamén ás subvencións para os plans de formación das entidades locais, unha medida vixente desde 2014. O pasado ano esta iniciativa traduciuse na convocatoria de 150 actividades formativas e 4.421 prazas.
- Te recomendamos -