A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asiste hoxe á ‘Climate Change Leadership-Porto Summit 2018’, unha conferencia sobre cambio climático orientada á busca de solucións de mitigación e adaptación para as empresas e en particular, para a industria vitivinícola, da que a Xunta espera sacar experiencias extrapolables ao sector do viño da comunidade
A Xunta de Galicia participa hoxe na Climate Change Leadership-Porto Summit 2018, a primeira conferencia internacional destas características que se celebra na cidade portuguesa e coa que se pretende estudar e poñer en común as posibles solucións existentes para combater o cambio climático desde diferentes ópticas. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asiste en representación de Galicia a este encontro, no que xa está confirmada a participación de máis de 3.000 líderes empresariais e institucionais de todo o mundo interesados na materia.
Durante a xornada, analizaranse algunhas das solucións que están contribuíndo a frear os efectos do cambio climático e a xerar novos modelos de desenvolvemento económico baseados na sustentabilidade. Neste sentido, prestaráselle unha atención especial ao sector vitivinícola e ao seu compromiso actual coa economía verde e a preservación do medio ambiente, temas de gran importancia para Portugal e para Galicia, polo que a Xunta agarda poder extrapolar algunhas destas experiencias aos produtores de viño na comunidade.
Tamén será unha boa ocasión para coñecer medidas que poidan ser de aplicación na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 na que traballa a Xunta.
O Climate Change Leadership reúne hoxe en Porto a grandes referentes internacionais e ás máis prestixiosas autoridades do mundo en materia de cambio climático e desenvolvemento sustentable. Entre os relatores figuran Mohan Munasinghe, Nobel da Paz e ex vicepresidente do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC); Irina Bokova, ex directora xeral da Unesco; e o español Juan Verde, presidente da Advanced Leadership Foundation (ALF).
O prato forte da xornada será a intervención pola tarde do ex-presidente dos Estados Unidos, Barak Obama, que está a asumir un papel moi activo e reivindicativo na loita contra o cambio climático a nivel mundial e protagonizará en Porto unha conversa con Juan Verde na que reflexionarán sobre a importancia de mitigar este problema. De feito, Obama aproveitará a súa viaxe á península ibérica para participar tamén esta noite en Madrid no III Cumio de Economía Circular e Innovación.
- Te recomendamos -