Inicio Galicia Rosa Quintana define o Vigo Seafest como unha oportunidade para amosar o...

Rosa Quintana define o Vigo Seafest como unha oportunidade para amosar o potencial da cadea mar-industria de Galicia

0

A conselleira do Mar lembrou que Galicia é a comunidade española que maior relevancia ten na industria de comercialización de produtos do mar e aporta a este sector o 45% do tecido empresarial

Vigo, 6 de xullo de 2018.- A conselleira do Mar enxalzou o Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest como unha oportunidade para amosar o potencial da cadea mar-industria de Galicia e promocionar o coñecemento e o consumo dos produtos do mar. Así o destacou na inauguración da segunda edición deste evento, que acolle a cidade olívica ao longo desta fin de semana.

A titular de Mar lembrou que Galicia é a comunidade española que maior relevancia ten na industria de comercialización de produtos do mar. Neste sentido, sinalou que a comunidade autónoma galega aporta a este sector o 45% do tecido empresarial, con máis de 200 empresas; máis do 60% do valor económico global, con máis de 6.100 millóns de euros, e o 57% do cómputo total de emprego, o que se traduce en máis de 13.200 postos de traballo.

Con estes datos, expuxo a conselleira, “temos por diante un reto que consiste en atender un mercado maior e unha produción global e que pasa por unir forzas para poder competir cos grandes produtores internacionais e aumentar as posibilidades de pesca en terceiros países”. De aí, engadiu, que “para o período 2017-2020 acheguemos 96 millóns de euros en axudas ás pequenas e medianas empresas para a transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura e dos que neste ano puxemos 12 á disposición do sector”.

Ademais a titular de Mar destacou como piares para afrontar ese reto a diferenciación dos nosos produtos e o fomento do seu consumo. En relación ao primeiro piar explicou que Galicia identifica correctamente os produtos, fomenta a achega de información que o recoñeza como galego e cumpre coas novas esixencias normativas neste eido. Un eido, subliñou, no que destaca a Denominación de Orixe Protexido Mexillón de Galicia e a marca de calidade pescadeRías.

En canto ao segundo piar, o do impulso do consumo dos produtos do mar, puxo de relevo as campañas promovidas pola Xunta e destinadas ao público infantil como Ponlle as pilas ao teu bocata e O sabor da aventura está no mar, “coas que chegamos a máis de 100.000 estudantes en toda Galicia”, lembrou Rosa Quintana.

Dentro deste reto de ampliar mercado, a conselleira do Mar puxo de relevo a contribución da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) a través de proxectos como o SeaFest. Neste sentido, Rosa Quintana describiu este evento como o reflexo dun sector aberto á innovación gastronómica mariña; moderno, con tendencias de ocio novas, competitivo, pola súa vocación expansiva, e internacional e en continuo crecemento.

Tamén definiu o SeaFest como un punto de encontro dos galegos coa diversión, pola ampla programación de actuacións musicais e de actividades complementarias; coa gastronomía, porque contribúe á difusión das marcas de calidade e fomenta a educación nutricional, e co mar de Galicia, porque reforza dunha forma novidosa o desenvolvemento da industria pesqueira. Ademais, engadiu que este festival aposta por unha economía europea intelixente, progresiva e integradora, xa que é un dos preto de cincuenta proxectos do Plan Blue Growth do Porto de Vigo.

A maiores, Rosa Quintana destacou o labor de ARVI, entidade creadora deste festival, “para facer que esta iniciativa sexa unha realidade e para fomentar a capitalidade pesqueira de Vigo”. Tamén por facer primar no sector a sustentabilidade e a innovación como eixos vertebradores.

O Vigo SeaFestO Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest, é unha iniciativa de ARVI enmarcada no Plan Blue Growth do Porto de Vigo. Conxuga o protagonismo do sector marítimo pesqueiro, o ocio e a diversión -programación musical, oferta deportiva, bautizos de mar e obradoiros familiares- e a gastronomía -receitas innovadoras coas especies capturadas polas frotas de ARVI e exhibicións de cociña-. 


- Te recomendamos -