O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mailo alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, mantiveron hoxe unha reunión de traballo para afondar nas melloras a levar a cabo no CEIP Plurilingüe de Silleda, xuntanza á que tamén asistiu a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Sanidade, Mª Pilar Peón. No decurso da mesma, o conselleiro e mailo alcalde consensuaron a posta en marcha dunha serie de actuacións neste centro entre este e o vindeiro ano.
Deste xeito, a obra máis inmediata que se vai acometer será a dotación dun ascensor, cuxo custe -que ascende a 97.000 euros- asumirá integramente a Consellería. A previsión é que esta instalación estea totalmente operativa neste outono.
Tamén este mesmo ano o departamento que dirixe Román Rodríguez destinará outros 25.000 euros á reparación dos baños do CEIP.
Xunto con estas dúas obras que costeará a Consellería, acometerase a reparación do peche perimetral do CEIP, unha actuación estimada en 20.000 euros que serán costeados a partes iguais entre Educación e Concello, tal como acordaron hoxe Román Rodríguez e Manuel Cuíña. Pola súa banda, a administración municipal comprometeuse á reparación e substitución dos canalóns.
Compromisos para 2019Outro dos compromisos acadados foi a elaboración, por parte dos técnicos da Consellería, dun estudo valorativo sobre a colocación dunha pasarela ou un patio cuberto, en función dos criterios obxectivos que determine o propio informe, coa intención de executala ao longo de 2019. Neste caso o custe tamén sería asumido ao 50% entre Consellería e Concello.
Tamén, en función das conclusións do dito informe, valoraranse actuacións concretas nas carpinterías (a Consellería asume o cambio de todas as que son de ferro), e posibles arranxos na cuberta do centro escolar.
O espírito da reunión foi o de afondar na máxima colaboración institucional co fin de levar a cabo melloras dos servizos educativos en Silleda, que redundan en beneficio do conxunto da comunidade educativa.
Polo tanto, entre a administración autonómica e a municipal comprométense a, en dúas anualidades, atender as demandas da comunidade educativa como instalar un ascensor, arranxar os baños, o peche perimetral, o cambio de ventás, a instalación dunha pasarela ou patio cuberto e o arranxo das cubertas.
- Te recomendamos -