O DOG publica unha orde de Medio Rural que establece un período de exposición do documento de tres meses
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se aproba inicialmente a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG) e se procede á apertura do trámite de información pública por un período de tres meses. Ao longo deste prazo, a documentación poderá ser examinada na Dirección Xeral de Ordenación Forestal e no enderezo: http://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/ordenacion/plan_forestal_de_galicia.
O Plan chega así ata esta fase de tramitación cun consenso de base sobre os seus contidos, podendo seguir incorporando agora novas achegas e enriquecéndose aproveitando o período de información pública. De feito, o documento que sae a exposición pública incorpora xa boa parte das suxestións do sector, formalizadas no seo do Consello Forestal de Galicia. En decembro de 2017 presentouse neste foro o borrador da primeira revisión do Plan e acordouse cos seus membros o envío de propostas para mellorar o documento. Ata o de agora recibíronse suxestións de diferentes asociacións representativas do sector, así como de organizacións profesionais agrarias, cooperativas, etc.
Entre as ideas incorporadas ao texto figuran varias centradas no consenso no que se basearán as decisións relacionadas coa distribución de especies forestais ou as necesidades do sector diante dos cambios motivados pola normativa futura, polas limitacións que se poidan establecer desde o punto de vista medioambiental.
Silvicultor activoTamén se incorporan diferentes achegas que teñen que ver coa creación da figura do silvicultor activo, a ordenación e fomento de aproveitamentos non madeireiros ou o apoio á produción de madeira de calidade. Ademais, intégrase o termo superficie silvícola madeireira na planificación e ordenación do territorio forestal e amplíanse as opcións xurídicas que sustentan as agrupacións para a xestión conxunta de montes, promovendo en todos os casos melloras fiscais.
Outra das achegas incorporadas ten que ver co fomento da plantación de frondosas autóctonas en áreas xeográficas vinculadas aos camiños de Santiago, para contribuír ao mantemento e adecuación propia destas vías e á creación de áreas de descanso para dar sombra. A maiores, na elaboración do documento do plan teranse en conta as conclusións da comisión especial de estudo e análise da política forestal do Parlamento galego, actualmente en fase de elaboración.
Enlace á orde que publica hoxe o DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180705/AnuncioG0426-270618-0002_gl.html
- Te recomendamos -