O secretario xeral de Política Lingüística e o director do IGADI presentárono esta mañá a canda o informe anual de acción exterior de Galicia Nós no Mundo
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González, presentaron esta mañá no Pazo de San Roque o Informe Anual do IGADI 2017-2018 e mais o anuario de acción exterior de Galicia ‘Nós No Mundo-We in the World’. Os textos completos de ambos documentos poden descargarse do web do IGADI: www.igadi.org.
Valentín García mostrou a súa satisfacción polo “alto nivel dunhas análises que, desde Galicia e en galego, abordan as cuestións máis actuais da xeopolítica mundial e son do interese tanto de expertos na materia como da cidadanía que quere entender a actualidade global cunha mirada que parte do seu contorno próximo”.
Proteccionismo vs. globalizaciónBaixo o título ‘A Mundialización en cuestión. Proteccionismo vs. Globalización: un dilema económico e xeopolítico’, o Informe Anual do IGADI 2017-2018 reflexiona sobre o pulso hexemónico entre Estados Unidos baixo a administración de Donald Trump e o cada vez maior peso emerxente da China de Xi Jinping, sen menoscabar a ascendente presenza de Rusia na contorna internacional. Un pulso hexemónico que mostra a confrontación de diversas visións sobre a mundialización e a globalización, os seus respectivos impactos económico e xeopolítico e os síntomas dun mundo en transición, tal e como se verificou cos cambios políticos en escenarios como África e América Latina.
O Informe Anual do IGADI 2017-2018, coordinado por Roberto Mansilla, mantén as súas seccións habituais “Chaves da política internacional en 2017”, “Perspectivas 2018”, “Reflexións por áreas xeográficas”, “Reflexións Transversais” e “Personaxes de 2017”. Como en edicións anteriores, este informe conta coa colaboración de diversos analistas, entre os que podemos destacar a Alfredo Toro Hardy, Alexandre Rey Parrado, David Alvarado, Daniel Gomá, Jared D. Larson, José Abu Tarbush, Marola Padín, Roberto Montoya e Yuri Fraccaroli.
Paradiplomacia galega e globalización do localO informe anual da acción exterior de Galicia 2017-2018 ‘Nós no mundo-We in the World’ publícase co título ‘A paradiplomacia galega e a globalización do local’ e céntrase na acción exterior das nosas cidades no contexto da aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta da Estratexia Galega de Acción Exterior Post 2020.
Para dar conta do estado actual da cuestión e das potencialidades que o poder local galego ten na relación co internacional, o informe arranca cunha aproximación xeral á lóxica da edición do ‘Nós no Mundo’ deste 2018. O texto inclúe as valoracións e análises das cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, así como das direccións xerais de Relacións Exteriores-UE e de Administración local.
A continuación, ‘Nós no Mundo 2017-2018’‘ aproxímase ao desenvolvemento da nosa balanza comercial durante o curso pasado da man de Manuel González López; ao estado das relacións coa diáspora, nomeadamente no marco da polémica co Centro Gallego de Bos Aires, nun traballo de María Xosé Porteiro, e aos estudos arredor da paradiplomacia galega na universidade no contexto do 27 aniversario do IGADI (obra de Álvaro Xosé López Mira, Celso Cancela Outeda e Daniel González Palau). O volume péchase cunha colaboración extraordinaria da Marcha Mundial das Mulleres, cun texto arredor da xenealoxía e estado da conectividade internacional do feminismo galego no contexto da pasada folga de mulleres do 8 de marzo.
- Te recomendamos -