Inicio Galicia O Diario Oficial Pública a convocatoria de axudas do programa Emega para...

O Diario Oficial Pública a convocatoria de axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

0

Inclúe tamén liñas para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que establece as bases do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino. O seu obxectivo é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e outros servizos de asesoramento ou titorización.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral e persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar. O que se busca é que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo así á creación de novos postos de traballo.

Para articular estas axudas, o programa Emega implementa catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, hai dúas axudas complementarias: a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e ‘Dual’, para a participación no programa de titorización sobre proxectos empresariais.

Para financiar estas axudas, habilitouse un orzamento de algo máis de 856.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e prolongarase durante un mes.

Poderán ser beneficiarias das axudas as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans ‘Innova’ ou ‘Activa’ no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data do fin de prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta.

Contía das axudasA contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 8.000 a 20.000 euros; na ‘Innova’, de 12.000 a 20.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 15.000; e na ‘ITEF’, de 16.000 a 40.000.

No caso das axudas complementarias, irán de 1.000 a 5.000 euros no caso do ‘Concilia’ ; e na ‘Dual’, serán de 500 euros.


- Te recomendamos -