O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria de concorrencia non competitiva para a que os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 15 de decembro, tanto de xeito presencial como telemático
A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas complementarias ao bono social do Estado grazas ás que os consumidores máis vulnerables poderán evitar os cortes de subministración eléctrica nos seus fogares. Coa publicación desta convocatoria hoxe, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a nosa Comunidade convértese na primeira en ofrecer estas axudas complementarias.
Esta nova liña de apoios á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 1,2M€ -que se ampliarán en caso de ser necesario- diríxense aos consumidores con máis dificultades. En concreto, os destinatarios son persoas residentes en Galicia e titulares dun contrato de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais.
Os apoios, que se outorgarán por concorrencia non competitiva a todos cantos cumpran os requisitos, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 250 ou 400 euros -no caso de familias numerosas-. Esta cantidade, unida ás axudas estatais, permitirá que o beneficiario non teña que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo o acceso continuado á subministración eléctrica e dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda autonómica.
Para facilitar o acceso a estas axudas, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes tanto de xeito presencial como telemático. Por iso, ademais de habilitarse oficinas nas catro xefaturas territoriais, en Santiago de Compostela e en Vigo, poderanse presentar no rexistro do concello no que o solicitante teña o seu domicilio.
Establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución, polo que unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, realizarase o pago por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria directamente aos comercializadores de referencia cos que se teña asinado un protocolo de colaboración. O prazo para solicitalas remata o 15 de decembro.
- Te recomendamos -