Representantes das tres comunidades mantiveron hoxe unha primeira toma de contacto en San Millán de la Cogolla
A conselleira de Desenvolvemento Económico e Innovación do Goberno da Rioxa, Leonor González Menorca; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; e o secretario xeral de Cultura e Turismo da Xunta de Castela e León, José Rodríguez Sánz-Pastor, celebraron esta mañá un encontro de traballo na biblioteca do Centro de Investigación Internacional da Lingua Española (Cilengua) en San Millán de la Cogolla. Neste cónclave sentáronse as bases para deseñar un programa común de acción culturais na ruta Xacobea que contribúa ao impulso e dinamización de accións conxuntas e que reforcne o traballo desenvolto polo Consello Xacobeo.
Na xuntanza tamén participaron, o director xeral de Cultura e Turismo da Rioxa, Eduardo Rodríguez Osés, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira.
A cita rioxana é unha primeira toma de contacto previa á posta en marcha deste programa interrexional que abordará asuntos relacionados, entre outros, co eixe medular que para todas elas supoñe o Camiño de Santiago, iniciativa con vocación de sumar todos os territorios polos que discorre o Camiño francés.
Así, entre outras actuacións, abordouse a creación da Aula Cultural Intercomunidades e a realización de accións conxuntas en materia de accesibilidade, promoción, comercialización e internacionalización do Camiño francés con motivo do 25º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
Ademais, tratouse a realización dun festival literario xacobeo itinerante no que participarán creadores artísticos destas comunidades autónomas.
Tamén se analizou o nacemento do Museo de Arte Contemporáneo do Camiño (MACC), un proxecto museístico posto en marcha na Rioxa pero con proxección cara todos os lugares por onde pasa o Camiño de Santiago a nivel nacional e internacional, que está baseado na arte contemporánea, e concretamente na escultura.
Estas accións presentaranse na próxima reunión do grupo de traballo do Consello Xacobeo.
- Te recomendamos -