Inicio Galicia A Xunta apoia a Apamp na presentación do servizo gratuíto de recursos...

A Xunta apoia a Apamp na presentación do servizo gratuíto de recursos específicos en préstamo para persoas con parálise cerebral

0

O obxectivo desta iniciativa é favorecer e estimular as habilidades e destrezas de cada usuario nas áreas motora, de estimulación sensorial, deglutición, acceso á comunicación, participación e autonomía persoal a través de distintas ferramentas e produtos


A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, acudiu ao acto de inauguración do servizo gratuíto de recursos específicos en préstamo (SGPRES) da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (Apamp) en colaboración coa Fundación Carrefour e que tivo lugar no centro de atención infantil da entidade.

O SGPRES é un servizo de información, apoio e asesoramento, demostración e asistencia de produtos de apoio para a autonomía persoal e a comunicación. A través del, promociónase o intercambio de coñecemento, a formación a profesionais, familias e aos usuarios, coa cesión temporal do produto de apoio máis adecuado ás necesidades de cada nenos ou nena, como por exemplo tablets, teclados adaptados ou utensilios de menaxe que facilitan a alimentación. O obxectivo é favorecer e estimular as habilidades e destrezas de cada usuario nas áreas motora, de estimulación sensorial, deglutición, acceso á comunicación, participación e autonomía persoal.

Este servizo préstase en centros educativos, no propio domicilio do neno ou nena e no centro de atención infantil da entidade.

A directora xeral saudou a posta en marcha deste servizo ao tempo que lembrou as diferentes liñas de colaboración que a Xunta de Galicia mantén con Apamp. Neste sentido, a Administración autonómica financia 41 prazas no centro de día para as que achega 517.097,74 euros; outras 32 prazas residenciais por importe de 732.828,40 euros e 9 prazas no centro ocupacional nas que inviste 63.836,82 euros. En total, neste 2018 a Xunta achega a Apamp máis de 1,3 millóns de euros.

Fabiola García fixo fincapé en que a atención ás persoas con discapacidade e aos maiores é moi importante para o Goberno galego e sinalou que o verdadeiramente necesario é prestar o mellor servizo ás persoas que máis o precisan. Por iso, a Xunta de Galicia aumentou a partida destinada ao coidado de maiores e persoas con discapacidade en 29 millóns con respecto ao pasado ano, ata alcanzar os 414 millóns de euros de orzamento en 2018.  


- Te recomendamos -