Inicio Galicia A Xunta colabora co Concello de Monforte cunha achega de 40.000 euros...

A Xunta colabora co Concello de Monforte cunha achega de 40.000 euros para mellorar o acceso ao cemiterio municipal

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Presidencia potencia as dotacións e equipamentos municipais para impulsar o desenvolvemento económico local

Monforte de Lemos (Lugo), 3 de xullo de 2018.- A Xunta de Galicia achega 40.000 euros ao Concello de Monforte de Lemos para colaborar coa obra de mellora dos accesos ao cemiterio municipal e tamén a varias empresas da contorna, dúas de servizos funerarios e unha cooperativa, que se atopan a escasos metros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que este investimento responde ao programa de apoios para a mellora dos servizos municipais que ten en marcha a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unha iniciativa que persigue potenciar as dotacións dos concellos para que, como Administración máis próxima aos cidadáns, poidan contar cos medios axeitados para ser motor do desenvolvemento económico local.

No caso de Monforte de Lemos, a Xunta subvenciona o arranxo desta vía do casco urbano que presentaba un pavimento deteriorado, unha obra de evidente interese social para os veciños e veciñas da localidade e tamén para os negocios implantados na zona.

Balseiro explicou que a finalidade desta convocatoria de axudas é contribuír a lograr un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, e que a cidadanía teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.

Así, mediante esta orde a Consellería de Presidencia sufraga parte das intervencións municipais orientadas á instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de vías públicas municipais; e a construción ou mellora de espazos públicos: dende zonas de ocio como prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís, ata dependencias municipais, equipamentos ou instalacións deportivas, entre outros.


- Te recomendamos -