Inicio Galicia Galicia formaliza por primeira vez os cultivos en precario grazas á Lei...

Galicia formaliza por primeira vez os cultivos en precario grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria

0

Este procedemento pioneiro estase levando a cabo nas reestruturacións parcelarias de Mondoñedo Norte e Sasdónigas

A Conselleira do Medio Rural vén de formalizar por primeira vez unha cesión en precario nunha zona de masas comúns de concentracións parcelarias grazas á lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga). Trátase dun procedemento pioneiro que se está levando a cabo en colaboración co concello de Mondoñedo na concentración parcelaria de Mondoñedo Norte e Sasdónigas.

Aínda que na práctica este tipo de préstamos de parcelas a particulares se viñan desenvolvemento para que puidesen ser explotadas sen coste algún e de xeito temporal por veciños da contorna, é a primeira vez que terán un respaldo legal que lles permitirá xestionar os predios integrados en masas comúns ata un ano despois de que se produza a firmeza de acordo da reestruturación parcelaria. Nese momento as parcelas pasarán a formar parte do Banco de Terras, tal e como establece a lei.

Este proceso ten beneficios por duplicado. Dunha banda, porque permite poñer a producir parcelas e dar resposta á importante demanda de terras con destino agropecuario e, por outro lado, porque aforra á administración importantes custos anuais derivados do mantemento destes predios e da xestión da biomasa. Polo tanto, a cesión de uso en precario beneficia tanto a aquelas persoas que precisan terras para as súas explotacións agrarias como á propia administración, que mantén a tutela destes espazos.

Así, no municipio de Mondoñedo iniciouse un procedemento público mediante a exposición da relación da fincas dispoñibles para a cesión en precario, sendo o propio concello o órgano que canalizou as solicitudes e as remitiu á Consellería do Medio Rural para a resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Doce beneficiariosNa zona de reorganización de Sasdónigas rexistráronse catro solicitudes relativas a seis fincas, polo que todas as persoas interesadas foron adxudicatarias como precaristas. O seu uso está relacionado co pastoreo para actividades gandeiras asociadas.

Na parcelaria de Mondoñedo Norte, que afecta as parroquias de Masma, Couboeira e Vilamor, foron rexistradas dez solicitudes relativas a nove fincas, existindo neste caso un proceso de concorrencia para facer unha adxudicación o máis equilibrada posible. Os aspectos que se avaliaron foron os relativos á condición de figurar como propietario/copropietario ou cónxuxe na zona de concentración, ter colindancia coa parcela solicitada, estar dado de alta na actividade agraria ou ter vínculo cunha explotación (titular ou familiar).

Con este criterio de reparto, oito persoas solicitantes foron adxudicatarias dalgunha das fincas pretendidas, sendo unha delas, ademais, de recente incorporación á actividade agraria.

Masas comúnsActualmente estas zonas de reestrutación parcelaria de Mondoñedo Norte e Sasdónigas están en fase administrativa de acordo, o que significa que os novos propietarios están xa facendo uso das novas leiras de reemprazo. As parcelas integradas na masa común dos procesos de reorganización da propiedade teñen a función de permitir correccións e compensacións durante o tempo que dura o procedemento, tendo ademais a administración municipal a potestade de solicitar a cesión en propiedade de predios integrantes da masa común para fins que redunden en proveito dos veciños da zona.

Unha vez resolta esta cesión ao concello de Mondoñedo, o destino dos restantes predios da masa común é o seu ingreso no Banco de Terras de Galicia, algo que sucederá un ano despois de que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.


- Te recomendamos -