Inicio Galicia Máis de 12.600 profesionais do mar renovarán os órganos de goberno das...

Máis de 12.600 profesionais do mar renovarán os órganos de goberno das confrarías de pescadores o vindeiro 29 de setembro

0

Desde hoxe os órganos reitores das confrarías estarán en funcións e unicamente poderán realizar actos de simple trámite ou de xestión ordinaria

Máis de 12.600 profesionais do mar renovarán os órganos de goberno das confrarías de pescadores, das federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores a finais de setembro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución na que se anuncia o inicio de todo o proceso e a data prevista para as votacións, que será o vindeiro 29 de setembro. Polo tanto, desde hoxe os órganos reitores das confrarías estarán en funcións e unicamente poderán realizar actos de simple trámite ou de xestión ordinaria.

Os comicios desenvolveranse en todas as confrarías ao mesmo tempo e comezarán ás 10:00 horas da mañá. Os colexios electorais permanecerán abertos un mínimo de catro horas e un máximo de oito continuadas, segundo o plan electoral de cada confraría. No caso do voto por correo, o prazo de solicitude iniciarase ao día seguinte da publicación do censo electoral definitivo, que será o 27 de xullo e abranguerá ata a data de proclamación provisional das candidaturas, o 10 de setembro.

Eleccións ás confrarías de pescadoresCabe lembrar que os comicios están regulados na Orde do 29 de abril de 2014 pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, das federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Esta orde despeza polo miúdo todo o proceso a seguir para a celebración dos comicios. Así, detalla información relativa ao proceso de proclamación de candidaturas, aos censos electorais, ao voto por correo, á campaña electoral, papeletas e sobres e ao desenvolvemento do día das votacións. Regúlase, así mesmo, o procedemento para o escrutinio e para a proclamación das persoas electas.

Neste sentido, a Orde establece que as eleccións se celebrarán en tres partes. En primeiro lugar realizaranse as eleccións nas 63 confrarías de pescadores de Galicia, despois celebraranse as votacións nas tres federacións provinciais e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Galicia.

O primeiro paso para a celebración dos comicios, tal e como establece a Orde, é a composición da Xunta electoral, formada por membros da Consellería do Mar e un vogal designado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e das Comisións electorais, que se constituirá unha comisión no seo de cada confraría.

O documento recolle que as comisións electorais aprobarán o plan electoral nun prazo de cinco días desde a súa constitución e será remitido á Consellería do Mar para a súa ratificación. Este Plan electoral incluirá o número de membros que se deben elixir na xunta electoral, no cabido, na xunta directiva de cada agrupación e tamén recollerá a repartición dos vogais para cada sector de produción.


- Te recomendamos -