A Xunta destinou a este taller, enfocado ao desenvolvemento de páxinas web e á promoción turística e información ao visitante, preto de 280.000 euros
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Centro Neural de Gondomar para felicitar aos alumnos que completaron a súa formación no Valmiemprega II, o obradoiro de emprego promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O Goberno galego destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados nas especialidades de desenvolvemento de páxinas web e promoción turística e información ao visitante, preto de 280.000 euros. Estes obradoiros, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Asemade, deuse prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.
Trátase dunha actuación que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.
O representante autonómico, que acudiu acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, recordou que, no que atinxe á área territorial de Vigo, puxéronse en marcha 8 obradoiros xerais e 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O obxectivo destes últimos, indicou, é o de “seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica”. Á posta en marcha destes 14 talleres, nos que participan 250 desempregados, a Administración autonómica dedica máis de 4,2 millóns de euros.
Por último, López-Chaves subliñou que os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
Nova convocatoria A Xunta investirá 29,6 millóns de euros na convocatoria deste ano (un 50% máis que na anterior) para a posta en marcha dunha nova iniciativa para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas: os obradoiros duais de emprego que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago. Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que poderán concorrer ás mesmas non só os concellos (nos que terán prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
- Te recomendamos -