A conselleira salienta que o Goberno galego está a investir preto de 700.000 euros na mellora da estrada e a construción dunha pequena senda na contorna da Alameda de Augasantas
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que nos vindeiros días porase en servizo a reforma da estrada entre Augasantas e Portasouto, que está a ser ampliada e mellorada, co obxectivo de reforzar a súa seguridade viaria en beneficio dos veciños de Cerdedo-Cotobade e de Ponte Caldelas.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda participou hoxe na Festa das Manciñas de Porco de Augasantas, un acto que serviu tamén para iuaugurar a recentemente reformada Casa do Pobo, así como a renovación da Alameda, na que a Xunta colaborou coa instalación de novas beirarrúas.
Na súa intervención, Ethel Vázquez puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas do concello de Cerdedo-Cotobade. Nese sentido, salientou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a investir preto de 700.000 euros na reforma da estrada autonómica PO-234 entre Augasantas e Portasouto, que inclúe a construción dunha pequena senda no contorno da Alameda.
Así mesmo, referiuse á reforma da estrada entre Serrapio e Vichocuntín, tamén no concello de Cerdedo-Cotobade, que comezará tamén este verán.
- Te recomendamos -