Xacarandaina, o grupo Bico da Balouta e Chévere actuarán tamén no VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada entre o 6 e o 8 de xullo
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2018.- A música será unha das protagonistas do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra do 6 ao 8 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). Así, as actuacións de grupos recoñecidos da escena galega complementarán as actividades de divulgación e posta en valor dos oficios artesanais galegos, a venda de produtos de Artesanía de Galicia e alimentos gourmet, así como os showcookings que porán en relación gastronomía e artesanía.
As actuacións musicais de O Sonoro Maxín e Sumrrá, na Praza do Concello a partir das 22:30 horas, permitiralle aos visitantes continuar as xornadas lúdicas do venres e do sábado, respectivamente, unha vez rematada a feira. O grupo ourensán O Sonoro Maxín presentará en Agolada o seu disco “Sete dezasete”, no que combinan ritmos bailables de diferentes estilos e con referencia galega, tratando de actualizar e reinterpretar o concepto da verbena.
O sábado pola mañá terá lugar a actuación de música e teatro “As fillas bravas”, da Compañía Chévere, a partir das 13:00 horas nos Pendellos, un espectáculo de humor con perspectiva de xénero a través dun repertorio baseado na música tradicional. A partir das 18:00 horas está programado un pasarrúas do grupo de música tradicional Bico da Balouta (Agolada) e xa pola noite, poderase escoitar na Praza do Concello a Sumrrá. Con 16 anos de traxectoria e 5 discos editados, o trío compostelán está considerado un dos novos referentes do jazz contemporáneo.
Na xornada do domingo as actuacións musicais comezarán xa durante a Sesión Vermú Lodeiros coa actuación do grupo De Vacas, a partir das 13:00 horas na Praza do Concello, e continuarán pola tarde ás 19:00 horas coa actuación do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña, que pechará a programación musical do Encontro.
O Corazón da Artesanía, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades.
Ademais dos postos de exposición e venda, cun total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes e 49 expositores de produtos de alimentación, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos nos que iniciarse na artesanía.
- Te recomendamos -