Con motivo da celebración do terceiro aniversario deste centro sanitario da rede pública galega
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudiu hoxe ao Hospital Álvaro Cunqueiro para conmemorar o terceiro aniversario deste centro de rede sanitaria pública galega. Alí, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que este acto “é un recoñecemento ás nais que deron a luz neste centro do Sergas, así como aos profesionais que as atenderon”. “A mellor forma de celebrar un aniversario é reunir a moitos dos nenos e nenas aos que vimos nacer neste hospital”, -dixo Almuiña-.
Tal e como recordou o conselleiro, este hospital vigués abriu a súa maternidade en setembro de 2015 e, nese ano, naceron 1.025 bebés. No 2016 rexistráronse 3.814 nacementos e, no 2017, chegouse aos 3.928, mentres que, no que vai de ano, houbo 1.685. En total, estamos a falar de 10.452 nacementos.
Segundo Almuiña, aínda que houbo algún ano puntual no que a sanidade pública viguesa trouxo ao mundo a máis nenas que nenos, nos últimos anos a tendencia volveu a situar o número de nenos por riba da metade. Dende que abriu o Cunqueiro, o 51,2% dos nados son nenos.
Para rematar a súa intervención, o máximo responsable da sanidade galega remarcou que o Hospital Álvaro Cunqueiro, coa creación do Centro de Medicina Materno Fetal, xa fai case un ano, convertiuse no centro de referencia de Galicia para atender aos embarazos máis complexos, ofrecendo os procesos diagnósticos e terapéuticos máis novedosos.
- Te recomendamos -