Inicio Galicia Educación e Grupo Hotusa reforzan a aposta pola FP dual en seis...

Educación e Grupo Hotusa reforzan a aposta pola FP dual en seis ciclos superiores coa oferta de 175 prazas

0

O conselleiro Román Rodríguez, e mailo presidente de Grupo Hotusa, Amancio López, presentaron a oferta en Chantada, onde o IES Val do Asma impartirá por terceiro ano consecutivo esta modalidade dual nos ciclos superiores de Administración e Finanzas, Axencias de viaxes e xestión de eventos, e Desenvolvemento de aplicacións web

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mailo Grupo Hotusa acaban de renovar a súa colaboración en materia de FP Dual en Galicia, coa sinatura dos convenios para a impartición de seis ciclos formativos en cinco Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e tres IES de Galicia.

O conselleiro Román Rodríguez e o presidente de Grupo Hotusa, Amancio López, referendaron hoxe en Chantada os acordos de colaboración polos cales se ofertan un total de 175 prazas formativas na modalidade Dual (que compaxina a formación nos centros educativos con actividade profesional remunerada en centros de traballo do grupo hoteleiro) para estes ciclos.

Deste xeito, no IES Val do Asma en Chantada, iniciarase a terceira promoción de titulados nos ciclos superiores de Administración e finanzas, de Axencias de viaxe e xestión de eventos e de Desenvolvemento de aplicacións web, que suman un total de 45 prazas a razón de 15 por ciclo.

Así mesmo renóvase tamén a colaboración con Grupo Hotusa para a impartición dos ciclos superiores de Sistemas electrotécnicos e automatizados no CIFP Politécnico de Santiago (con 20 prazas); e de Xestión de Aloxamentos turísticos (con 55 prazas repartidas nos CIFP Carlos Oroza e Compostela e no IES Vilamarín).

Ademais, tamén se seguirá ofertando o vindeiro ano a dobre titulación en Dirección de servizos en restauración e en Dirección de cociña, que ofertarán nos CIFP Carlos Oroza, CIFP Paseo das Pontes e IES de Foz, que suman un total de 55 novas prazas. Implicación empresarialO conselleiro de Educación, Román Rodríguez agradeceu ao Grupo Hotusa, -e en especial ao seu presidente, Amancio López-, a confianza depositada na modalidade de FP Dual que está desenvolvendo o Goberno galego como unha das liñas prioritarias na formación do alumnado co obxectivo de que no futuro sexan profesionais con alta cualificación.

Segundo o conselleiro, logo de catro cursos consecutivos, a relación no eido educativo con este grupo empresarial está totalmente afianzada e consolidada. Gracias a ilo, puidéronse desenvolver trece proxectos de FP Dual en oito Centros Integrados de FP e IES de toda Galicia (entre eles o IES Val do Asma, en Chantada), e acadar os 305 alumnos formados.

Román Rodríguez subliñou que desde o seu departamento se traballa por unha Formación Profesional imbricada no tecido empresarial que o rodea, apegada ao territorio e vinculada coas potencialidades de cada zona. Para iso é imprescindible deseñar canles de cooperación entre administración, centros educativos e espazos de traballo, é dicir, aproveitar as sinerxías para que os estudantes de hoxe sexan os profesionais cualificados do futuro. En palabras do conselleiro, o obxectivo último é “desde o ámbito educativo xerar oportunidades que nos permitan avanzar nunha sociedade máis igualitaria e, por tanto, máis democrática”.

Impulso á modalidade DualA extensión da FP Dual, que facilita a retroalimentación entre o tecido produtivo e o sistema educativo, é unha das prioridades da Consellería de Cultura e Educación. Neste sentido, as principais novidades da oferta de FP para o curso 2018/19 rexístranse nesta modalidade, na que abrirán matrícula en primeiro curso un total de 46 proxectos, 26 deles totalmente novos e o resto como reedicións doutros que funcionaron en cursos anteriores con éxito.É salientable, así mesmo, a implicación de empresas galegas -e radicadas na nosa Comunidade- punteiras como Grupo Hotusa do desenvolvemento e expansión da Dual en Galicia.

En total, a Consellería pon a disposición, para o curso 2018/19, un total de 29.260 prazas en primeiro curso en centros públicos nas diferentes modalidades da FP, das que 710 están en FP Dual -233 en grao medio e 477 en grao superior-. No caso da provincia de Lugo, o número total de prazas ofertadas en primeiro curso é de 4204, das que 151 son de FP Dual. 


- Te recomendamos -