Un equipo formado por unha ducia de expertos estarán transmitindo por radio entre hoxe e o domingo durante as 24 horas do día e darán a coñecer o mundo da radiotransmisión entre os visitantes que se acheguen ata o faro
Unha ducia de expertos pertencentes á Unión de Radioafeccionados Españois (URE) desenvolverán desde hoxe e durante toda a fin de semana varias actividades desde as illas Cíes co fin de promover e difundir a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade ante a Unesco.
O equipo, que tomará como base de operacións o faro principal da illa, ten previsto retransmitir as 24 horas do día e contactar desde Cíes con estacións repartidas por todo o mundo. Así mesmo, ofreceranlle a oportunidade de traballar cun pequeno equipo portátil de radio a todos aqueles visitantes que se acheguen ata o faro e teñan interese en coñecer o mundo da radiotransmisión dunha forma didáctica e interactiva.
Os promotores da iniciativa forman parte da Estación Especial AN1WHC, a maior asociación de radioafeccionados de España e unha das máis importantes de Europa. As actividades, que están programadas desde hoxe e ata o domingo ás 15.00 horas, centraranse nas comunicacións sociais e na importancia da radio como medio para enviar información a calquera parte do globo.
O obxectivo das actividades programadas pola URE en Cíes é contribuír a difundir e dar a coñecer mundialmente a candidatura ante a Unesco do parque nacional. Para iso, o equipo de expertos fará quendas para comunicarse desde o faro e de forma ininterrompida durante toda a fin de semana con estacións de todo o mundo, coa única restrición das condicións meteorolóxicas que se dean cada día e que poderán condicionar a propagación das ondas radiofónicas.
Cómpre lembrar que as transmisións efectuadas por radio son totalmente inocuas debido á propia natureza das frecuencias utilizadas non ionizantes e á súa escasa potencia, polo que a presenza do equipo de radioafeccionados na illa non causará ningún tipo de impacto.
- Te recomendamos -