Inicio Galicia Os Lois Peña Novo recoñecen o labor a prol do galego de...

Os Lois Peña Novo recoñecen o labor a prol do galego de Manuel González, Mª Xosé Queizán e Xesús Costas

0

O secretario xeral de Política Lingüística presidiu hoxe no Castelo de Soutomaior a entrega destes galardóns que contan coa colaboración da Consellería de Cultura

O castelo de Soutomaior acolleu hoxe ao serán a cerimonia de entrega dos Premios Lois Peña Novo, que chegan este ano á súa XXIV edición recoñecendo o labor a prol da lingua galega, no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral, do filólogo e académico da lingua galega Manuel González González; da escritora María Xosé Queizán; e do xurista Xesús Costas Abreu.

O acto presidiuno o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen felicitou á Fundación Lois Peña Novo, -entidade que concede os galardóns coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- e ás persoas premiadas “polo seu compromiso, labor e perseveranza na promoción do uso do galego, da identidade lingüística e da galeguidade”.

Ademais do secretario xeral participaron no acto o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o académico da lingua galega Xesús Ferro; e a escritora Camiño Noia.

Letras, investigación e Administración públicaO xurado da XXIV edición dos Premios Peña Novo 2018 acordou conceder os galardóns desta edición a María Xosé Queizán, a Manuel González González -cuxo premio recolleu o seu fillo, Manuel González Prieto- e a Xesús Costas Abreu polo seu compromiso co galego tanto a través das súas traxectorias vitais como nos seus respectivos campos das letras, da investigación e da Administración pública.

Manuel González González é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, membro numerario da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro. Forma parte do consello científico de prestixiosas revistas especializadas e a súa investigación oriéntase fundamentalmente aos ámbitos da dialectoloxía, lexicografía, sociolingüística, historia da lingua e fonética, nos que destacan os traballos de investigación científica e as constantes achegas á riqueza da nosa lingua propia. Foi dos iniciadores dos estudos de fonética acústica en Galicia e actualmente centra as súas investigacións nas tecnoloxías da fala.

María Xosé Queizán, escritora, profesora e activista, iniciou nos anos 50 a ampla traxectoria vital e profesional de compromiso coa lingua e cultura propias que desenvolve ata hoxe nas múltiples vertentes da súa vida e obra: ensino, narrativa, ensaio, poesía, tradución, teatro… que fan dela unha polígrafa da cultura galega. Defensora incansable do papel social da muller e iniciadora do movemento feminista galego, reivindica un feminismo único, racionalista e defensor dos valores de liberdade e igualdade.

Xesús Costas Abreu é asesor xurídico do Concello de Vigo, desde onde exerce un claro compromiso coa lingua galega no eido da Administración local e impulsou a fixación dunha linguaxe de especialidade xurídica, labores que deron froito tanto na creación de manuais de documentación para uso do funcionariado como en numerosas contribucións desde a súa participación na sección de Lingua no Consello da Cultura Galega ou noutras moitas colaboracións en iniciativas que redundan a prol da normalización lingüística do galego.

Fundación Lois Peña NovoA Fundación Lois Peña Novo, creada en lembranza de quen foi impulsor do uso do galego nos concellos e administracións públicas galegas, ten entre os seus obxectivos a promoción e a difusión do idioma no marco das administracións públicas, das empresas que manteñan relación directa con elas e da sociedade en xeral. Co fin de apoiar este cometido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- vén colaborando desde hai anos con esta entidade na convocatoria dos Premios Lois Peña Novo, que nas súas vinte e catro edicións lles foron concedidos a entidades e persoas cunha destacada contribución ao labor de fixar e estender o uso da lingua galega.  


- Te recomendamos -