No ano 2017 esta frota descargou en lonxa máis de 142.200 toneladas por importe de máis 216 millóns de euros
O actual Plan de Xestión do Caladoiro Cantábrico e Noroeste permitiu que a frota galega que faena nel vendese máis dun 28% de produto e facturase un 6% máis no ano 2017 en relación ao ano 2010, cando era posible realizar a coñecida como “pesca olímpica” (saír a faenar ata que se esgotase o Total Admisible de Capturas). Así, no ano 2017 esta frota descargou en lonxa máis de 142.200 toneladas por importe de máis 216 millóns de euros, sendo o volume de descargas un 28% superior ao ano 2010 e o de facturación un 6%.
Así o explicou hoxe no Parlamento a directora xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, nunha comparecencia para dar conta da evolución da xestión e ordenación das frotas galegas que faenan no Caladoiro Cantábrico e Noroeste en materia de descargas e facturación. Nela destacou que, á vista dos datos, o actual plan de xestión do caladoiro permitiu que os buques galegos incrementaran as súas capturas e a súa facturación.
Neste sentido, fixo balance da evolución das distintas modalidades de pesca que faenan neste caladoiro. No caso da frota de arrastre sinalou que a evolución das capturas e a facturación media por barco foi claramente positiva xa que no 2017 esta frota comercializou 630 toneladas de produto –un 23% máis que en 2010- e facturou máis de 714.700 euros –un 14% máis que no ano 2010-.
No caso do cerco, Mercedes Rodríguez explicou que a captura e facturación media por barco foi tamén positiva. Así, neste caso os datos medios de facturación supuxeron no 2017 máis de 278.000 euros e máis de 507 toneladas de especies descargadas, o que supuxo un incremento de máis dun 90% nas descargas e dun 34% na facturación se se comparan as cifras coas de 2010. Ademais, a directora xeral tamén engadiu que a esas boas cifras “hai que engadir que nos últimos anos incrementouse o número de barcos de cerco, de xeito que neste momento hai 150 embarcacións fronte ás 147 de 2015”. Ao tempo trasladou que “se lle está dando tamén unha renovación da frota neste segmento e estanse facendo obras de calado neste sector, o que incrementa o porte das embarcacións”.
Mercedes Rodríguez tamén fixo balance da frota que traballa con volanta e palangre neste caladoiro. No caso da volanta, destacou que as descargas desta frota ascenderon máis dun 22% no 2017 en comparación co 2010 e achegáronse aos 81.000 quilos, que acadaron unha facturación de máis de 291.000 euros, case un 20% máis que en 2010. En relación ao palangre, a directora xeral explicou que as capturas foron un 33% superiores en 2017 en relación ao 2010, chegando aos case 79.000 quilos e sendo a facturación semellante nos dous exercicios. E isto no caso de dúas frotas, como a volanta e o palangre de fondo altamente dependentes da pescada, afectada polo Plan de Recuperación.
Finalmente, explicou tamén a evolución que rexistrou a frota de artes menores. Destacou que esta frota descargou en 2017 máis de 18.680 toneladas de produto, un 15% máis que en 2010 e facturou máis de 107,2 millóns de euros, un 17% máis. Neste aspecto, salientou que isto supón que unha embarcación media pasou a facturar máis dun 25% en 2017 en relación á anualidade 2010 e incrementou as descargas de produtos do mar arredor dun 20%.Á vista destes bos datos, Mercedes Rodríguez sinalou que o actual modelo de xestión do caladoiro permitiu unha mellora nos rendementos económicos da frota e que se acabase coa pesca olímpica, xa que “se todos saen pescar ao mesmo tempo aparecerá unha gran cantidade de peixe, produto perecedoiro, o que fará que o seu prezo caia ou mesmo que haxa que retiralo da venda”, sentenciou.
Emprego no marMercedes Rodríguez tamén contestou a unha pregunta oral sobre o emprego no mar. Na intervención destacou que as afiliacións ao Réxime Especial do Mar da Seguridade Social mantéñense estables desde 2015 e que no mes de marzo se superaron os 21.000 afiliados. Ademais, entre xaneiro e marzo de 2018 medrou esta cifra de afiliados en 741 persoas. De cara a seguir incrementando o emprego no mar, a directora xeral lembrou que a Xunta pon a disposición do sector subvencións para modernizar a frota e para novos propietarios de buques pesqueiros.
Ademais, recordou o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro que actúan como ferramentas de participación do sector pesqueiro para poñer en marcha proxectos que permitan dinamizar as zonas costeiras, buscando manter a prosperidade económica e social das áreas litorais, revalorizar os produtos da pesca e da acuicultura para promover a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza.
A directora xeral tamén fixo especial énfase no eido formativo de cara a acadar o relevo xeracional e a reciclaxe dos profesionais do mar. Neste aspecto reiterou que é unha área blindada nos orzamentos e que este ano viu incrementada a partida para as ensinanzas marítimo pesqueiras nun 2% e recordou que para os dous vindeiros anos se destinarán máis de 1,5 millóns para cursos de ensinanzas non regradas.
- Te recomendamos -