O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na presentación dos proxectos gañadores de Galiciencia 2018
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na presentación dos proxectos gañadores de Galiciencia 2018, onde destacou que se trata dun programa que contribúe á aposta da Xunta por fomentar o talento científico e innovador do futuro, un obxectivo que tamén se recolle no Plan Galicia Innova 2020. Esta folla de ruta ten entre os seus retos prioritarios espertar vocacións científicas e incentivar ese espírito, especialmente as vocacións STEM, nas ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
O titular de Economía apuntou que o Goberno galego ten entre os seus obxectivos inculcar nos máis novos o espírito da curiosidade, o emprendemento e a creatividade para que Galicia siga prosperando e poida competir con outras rexións. Conde indicou que a Comunidade precisa do talento de rapaces e rapazas, como os que participaron en Galiciencia, que serán os que traballadores e traballadoras do futuro en profesións vinculadas á innovación, á investigación e ás novas tecnoloxías. “Un futuro baseado no coñecemento e na innovación é a garantía dun crecemento económico sostible e unha mellor calidade de vida”, engadiu.
O conselleiro subliñou que Galiciencia é a mellor axuda para espertar vocacións científicas e afirmou que é unha mostra de que en Galicia existe talento. Lembrou, ao respecto, que os vencedores do ano pasado gañaron o primeiro premio de Exporecerca, a maior feira a nivel estatal, e representarán a España no certame europeo Expo Science Europe. Ademais, os gañadores do segundo galardón da pasada edición gañaron o primeiro posto na feira vasca. Conde, así mesmo, resaltou que os 13 anos de celebración deste certame ten permitido facer deste evento a maior feira científica de Galicia con recoñecemento a nivel nacional. Desde a primeira feira xa se expuxeron 700 proxectos e visitárona 25.000 persoas. Para Conde, estes datos significan que se está a lograr o obxectivo de consolidar Tecnópole como espazo para a divulgación da ciencia e da innovación.
Dos máis de 150 investigadores e investigadoras noveis que participaron na 13ª convocatoria deste evento, elixíronse 7 proxectos desenvolvidos por alumnos de Educación Secundaria e Bacharelato. Conde indicou que “os participantes souberon identificar cal é a realidade na que temos que traballar para mellorar o noso medio ambiente, para ter unha sociedade máis sostible e para loitar contra o cambio climático”. Destacou, ademais, a innovación, pero, sobre todo, a creatividade dos traballadores presentados.
Os sete proxectos galardoadosO primeiro posto recaeu no plan Rebinxe, que busca involucrar á comunidade local na recuperación da biodiversidade animal e vexetal de Mondoñedo, Abadín e Lorenzá. Foi desenvolto por dúas alumnas de Bacharelato do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo (Lugo).
O segundo premio foi para o deseño dun novo foguete de combustible sólido cun corpo e motor o máis eficiente posible que levaron a cabo dous alumnos de 4º da ESO do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo (Pontevedra).
O terceiro posto acadouno o proxecto Cero lume, unha estación meteorolóxica electrónica para emitir alertas de incendio elaborado por dúas alumnas de 2º e 3º da ESO das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña).
O galardón ao método científico e proceso de investigación mellor definido obtívoo As oleorresinas da leña empregada nas grellas e fogo perfecto, para determinar cal é o fogo perfecto para potenciar o sabor dun asado. O proxecto realizárono dous alumnos de 3º da ESO do Colexio Plurilingüe San José-Josefinas de Ourense.
O premio á mellor comunicación foi para Unha nova vida para o papel para concienciar á comunidade escolar sobre as vantaxes da reciclaxe de papel. Dous alumnos de 3º da ESO desenvolvérono, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña).
O proxecto máis innovador nesta edición de Galiciencia foi para o deseño dun contedor de lixo para invidentes que realizaron dous alumnos de 1º da ESO das Aulas Tecnópole de Ourense.
Por último, a mellor iniciativa relacionada co cambio climático, a temática central desta edición do certame, recaeu nunha alumna de 2º da ESO e un alumno de 1º da ESO do Colexio Plurilingüe Alborada de Vigo. Realizaron unha caracterización dos plásticos da praia de Vilariño, na ría de Aldán.
- Te recomendamos -