Esta iniciativa permite ás persoas que non teñan un nivel determinado de formación acreditada acceder a aqueles cursos de formación vinculados a certificados de profesionalidade
A Xunta publica hoxe neste enderezo os resultados definitivos das probas de avaliación en competencia clave que organizou a Consellería de Economía, Emprego e Industria o pasado mes de maio no Recinto Feiral de Silleda.
Estas probas de avaliación permiten aos beneficiarios que non teñan un nivel determinado de formación acreditada acceder a aqueles cursos de formación vinculados a certificados de profesionalidade. Estes exames, polo tanto, diríxense ás persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO para o nivel 2 ou Bacharelato para o 3) requiridos para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade, co fin de que a través destas probas podan demostrar que posúen os coñecementos e capacidades básicas que lles permitan acceder e cursar con aproveitamento esta formación para o emprego.
A participación do alumnado nas probas deste ano, tanto para o nivel 2 como o 3, foi de 2.237 persoas. A porcentaxe de aptos no nivel 2 foi do 70% e no 3 do preto do 60%. Deste xeito, a media da porcentaxe de aptos chegou este ano a preto do 65%. As materias que se avaliaron foron matemáticas, lingua castelá, lingua galega, e inglés.
A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. A iniciativa busca fomentar a calidade da formación profesional para o emprego mellorando o perfil profesional das persoas e motivándoas para progresar no eido do emprego e na formación co obxectivo último de acadar a inserción no mercado de traballo. Nas 12 convocatorias que a Xunta leva realizando deste procedemento desde 2009 participaron preto de 32.400 persoas. A media de aptos alcanzou nas 12 convocatorias o 73,65%: o 79,40% no nivel 2 e o 67,90% no nivel 3.
- Te recomendamos -