Inicio Galicia Feijóo salienta que os máis de 9,5 millóns de quilos de uva...

Feijóo salienta que os máis de 9,5 millóns de quilos de uva colectados pola Denominación de Orixe Ribeiro en 2017 certifican a boa saúde da que goza a marca para afrontar os retos do futuro

0

Incide en que apoiar a industria vitivinícola e achegala a novos consumidores son as claves do éxito dun sector fundamental non só para o rural senón tamén para a consolidación da marca Galicia


Leiro (Ourense), 26 de xuño de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que os máis de 9,5 millóns de quilos de uva colectados pola DO Ribeiro en 2017 certifican a boa saúde da que goza a marca para afrontar os retos do futuro.

Durante a Gala do Ribeiro 2018, Feijóo lembrou ademais que a Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia, está composta por 115 bodegas situadas nos vales dos ríos Miño, Avia e Arnoia, ocupa 2.232 hectáreas de viñedo e nela traballan máis de 5.800 viticultores. E combinando tradición e modernidade é hoxe unha das denominacións máis antigas de España.

Nesa aposta pola calidade e a tradición, o presidente da Xunta incidiu en que a conquista de novos padais é o camiño que garante o futuro, e, nesta liña, referiuse ao traballo de César Lumbreras, Persoeiro de Honra por ser unha voz indispensable do relato do agro. Non en van, desde 1984 o programa Agropopular da Cadena COPE pon o acento en contar as preocupacións e os acertos do mundo rural e tamén en achegalo aos que non forman parte del.

Así mesmo, salientou a traxectoria de Víctor de la Serna, premio á Mellor tarefa de comunicación, e o labor da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino, Amavi, que apoia o traballo das mulleres do sector e achega a cultura do viño ás mulleres.

Como exemplo desa vida entre vides, Feijóo referiuse a Manuel García Montero, presidente de honra da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira, que viu na tecnoloxía unha panca de progreso para o viño galego e que, ademais, abandeira as cooperativas como paso adiante e como fórmula de éxito.

Logo de resaltar o papel da hostalería e do comercio como embaixadores dos viños galegos, o titular da Xunta concluíu incidindo en que apoiar a industria vitivinícola e achegala a novos consumidores son as claves do éxito dun sector fundamental non só para o rural senón tamén para a consolidación da marca Galicia.  


- Te recomendamos -