Inicio Galicia Míguez destaca o autocross como ?unha das disciplinas do automobilismo que conta...

Míguez destaca o autocross como ?unha das disciplinas do automobilismo que conta con maior afección a nivel autonómico, nacional e internacional?

0

Recorda que Galicia é a primeira comunidade española con maior número de licencias (1.300) e clubs (60) con actividade en automobilismo


A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na presentación da décima proba do Campionato de España de Autocross que terá lugar en Carballo na próxima fin de semana. A responsable do deporte galego asegurou que o autocross é “unha das disciplinas do automobilismo que conta con maior afección a nivel autonómico, nacional e internacional e unha das que máis licencias de piloto xera”.

No seu relatorio, a secretaria xeral lembrou como o autocross ten no pop cross de finais dos 70 ao seu referente unha modalidade que en Carballo “foi todo un éxito disputándose grandes carreiras no circuíto de Pedras Brancas”. “Aquelas carreiras máis rudimentarias deron paso a grandes campionatos como o galego, que agardamos que algún día poida volver a disputarse e como non, as probas do Campionato de España de Autocross que teñen lugar en Galicia, especialmente en Carballo e en Arteixo”, engadiu.

Do mesmo xeito, Marta Míguez tamén falou das innovacións tecnolóxicas do circuíto de Bértoa que acollerá nesta proba aos 110 vehículos que desputarán o Campionato de España. O circuíto de Bertoa conta con nove cámaras de seguimento instaladas por todo o circuíto para controlar a carreira e os posibles lances que teñan lugar na proba.

Asemade, a secretaria xeral gabou o traballo da Escudería Coruña, unha entidade que impulsa o autocross en Galicia do mellor xeito, conseguindo que esta disciplina e o automobilismo galego en xeral siga obtendo “incribles resultados”. Así recordou que Galicia é a primeira comunidade española con maior número de licencias (1.300) e clubs (60) con actividade en automobilismo.  


- Te recomendamos -