A organización promove a educación a través do tempo libre no plano social, intelectual e emocional
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu hoxe á presentación da memoria de actividades de 2017 da organización Scouts España, celebrada na cidade da Coruña.
A organización mundial deste movemento é independente e sen ánimo de lucro e, desde hai máis de 100 anos, os grupos Scouts desenvolven programas educativos, achegándose ás realidades sociais, culturais e económicas da sociedade, adaptándose ás novas situacións.
Os Scouts de España fomentan o emprendemento xuvenil a través da posta a disposición dos mozos e mozas de espazos adecuados e favorecendo competencias positivas como a autonomía, o liderado, a creatividade e a capacidade de xestión. Ademais, tamén prestan atención ao voluntariado, xa que son unha parte fundamental da organización.
A educación en igualdade e o respecto polo medio ambiente son tamén outros dous piares básicos nos valores da organización .
A titular do departamento autonómico animou a Scouts España a continuar traballando a través do tempo libre na formación de nenos e nenas no plano social, intelectual e emocional e trasladou a súa felicitación a todos os grupos Scouts pola actividade realizada ao longo do pasado 2017.
- Te recomendamos -