A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe ao II Congreso Mundial de Destinos Intelixentes promovido pola Organización Mundial do Turismo (OMT) que se celebra na cidade de Oviedo (Asturias) con máis de 80 relatores nacionais e internacionais e máis de 600 participantes de todo o mundo. Trátase dun destino co que Galicia mantén unha estreita alianza a través da marca España Verde.
A responsable de Turismo da Xunta tivo oportunidade de compartir o traballo de Galicia e coñecer de preto as tendencias e avances nun ámbito fundamental no desenvolvemento e na competitividade do sector. De feito, a innovación turística e as novas tecnoloxías están presentes na xestión do Goberno galego a través do Smart turismo. A Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta consensuada co sector, dedica precisamente un dos seus 11 capítulos a esta cuestión. Entre as accións contempladas inclúense algunhas como a mellora das conexións a internet en puntos e establecementos, a comercialización e xestión a través de ferramentas TIC, o aproveitamento de internet para a comunicación e servizo ao turista, o impulso dos procesos de innovación sectorial ou a explotación do big data.
- Te recomendamos -