Inicio Galicia A Agadic apoia o festival +QueJazz da Coruña a través da Rede...

A Agadic apoia o festival +QueJazz da Coruña a través da Rede Galega de Música ao Vivo

0

Garufa Club e Jazz Filloa, dúas das 23 salas do circuíto da Xunta, acollen a quinta edición deste encontro con 14 concertos do 4 ao 27 de xullo

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é unha das entidades colaboradoras do quinto festival +QueJazz da Coruña, que terá lugar do 4 ao 27 de xullo no Garufa Club e no Jazz Filloa. Este apoio canalízase a través de varios dos concertos da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto impulsado pola Xunta en 23 salas de toda Galicia, entre as que se atopan estes dous locais coruñeses.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta quinta edición do festival, que acollerá 14 concertos de jazz, swing e R&B, entre os que destacan os de Trudy Lynn & Steve Krase Band, La Negra & Juan Fernández “El Panky” e Xacobe Martínez Antelo Trío, entre outros. Na súa intervención, o director explicou que nestes momentos se está a ultimar o calendario de actividade para o segundo semestre de programación anual da Rede Galega de Música ao Vivo, a través da que se financiarán algúns dos concertos do +QueJazz.

Sutil subliñou que a Agadic destina 185.000 euros á programación de 2018 do devandito circuíto, cifra que supón un aumento orzamentario do 105% respecto ao ano anterior. Favoreceuse deste xeito a posta en marcha dunha nova etapa no seo da rede, da que forman parte 23 salas de 14 localidades, que suman unha capacidade para 4.300 persoas. “Estes locais foron seleccionados tras unha convocatoria pública de admisión e despois dunha fonda revisión das normas de funcionamento co fin de reforzar os seus estándares de profesionalidade e de calidade”.

Boa saúde do jazz galegoFixo mención específica, ademais, á boa saúde da que o xénero de jazz goza na actualidade en Galicia, en boa parte grazas ao traballo que desenvolven salas de música en directo como as devanditas Garufa Club e Jazz Filloa: “Desde logo, existe un jazz galego do que dan fe intérpretes e compositores de calidade. Baste dicir que na plataforma dixital galiciantunes.com da Agadic, dedicada á difusión de toda a música producida en Galicia, son máis de 50 os solistas e grupos, en distintas formacións jazzísticas, rexistrados como intérpretes do xénero, de variedade e profesionalidade contrastadas”, sinalou.

Pola súa banda, Pepe Méndez e Alberto Mella, responsables respectivamente das salas Garufa e Filloa, avanzaron a programación do festival que organizan, e para o que contan, ademais, co patrocinio de Estrella Galicia e a colaboración da ONCE e do Conservatorio Superior de Música da Coruña.+QueJazz arrancará o 4 de xullo no Garufa co Andrea Alvergue Trío e concluirá o 27 dese mesmo mes coa Garufa Blue Devils Big Band. Entre as 14 actuacións que compoñen o cartel desta quinta edición, destacan así mesmo dúas das voces femininas máis interesantes do panorama actual: o 13 de xullo Trudy Lynn, unha das grandes divas do blues, actuará por primeira vez na Coruña no Garufa Club, que acollerá a La Negra o 21 de xullo.

Tamén se subirá ao mesmo escenario o trompetista Raynald Colom, considerado un dos mellores de Europa, quen tocará xunto a Miguel Lamas e Jorge Vera, e mais o pianista catalán Ignasi Terrasa.

Pola súa banda, o Jazz Filloa ofrecerá os directos do Alejandro Vargas Trío ou do Roberto Somoza Quartet, entre outros. As entradas para os concertos nesta sala poderán adquirirse de xeito anticipado mediante reserva por correo electrónico, mentres que para os do Garufa estarán dispoñibles a través da plataforma Notikumi.


- Te recomendamos -