Inicio Galicia O ?Corazón da Artesanía? celebra a súa sétima edición avalado por público...

O ?Corazón da Artesanía? celebra a súa sétima edición avalado por público e profesionais como a cita referente do sector

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, presentaron o encontro que terá lugar na localidade pontevedresa do 6 ao 8 de xullo


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 6 ao 8 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra).

Na presentación, na que participou tamén o alcalde da localidade pontevedresa, Ramiro Varela, e o tenente de alcalde, Héctor Martínez, xunto co presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manolo González, salientouse que este encontro chega á súa sétima edición avalado tanto polo público como polos profesionais como a cita referente do sector.

Durante tres días, o Corazón da Artesanía, que o ano pasado atraeu a máis de 9.000 persoas, contará coa participación de 52 profesionais de Artesanía de Galicia de 26 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a carpintería de ribeira, a cestería, os tecidos de baixo lizo, a marroquinería, a bixutería, os instrumentos musicais, a olería, a tellería, a cerámica, a forxa, as colareiras, a elaboración de zocos, a talla de madeira, a ebanistería, o encaixe, os tapices, os xoguetes, a torneiría de madeira, a ilustración, as maquetas, a zapatería, a elaboración de figuras de pan e a manipulación de papel.

O Corazón da Artesanía convérterse cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Ademais dos postos de exposición e venda, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos que están programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. Centraranse na cestería, no manipulado de papel, a elaboración de calzado, o torno cerámico e os tecidos de alto e baixo lizo, ademais da pintura sobre tecido.

No marco do VII Corazón da Artesanía, a Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns e tres obradoiros dirixidos a interesados en introducirse nos oficios artesanais, ademais da segunda edición do Campus dos Oficios, que este ano estará dedicado á pedra. Os dous cursos especializados son Novas ferramentas para novos artesáns, dirixido por Rubén García-Louzao Araújo (Pontevedra) e Manipulación de palla trenzada para elaborar complementos, impartido por Félix de Martín (Ourense).

Os outros tres obradoiros son o de Cestería tradicional con vimbio, impartido polo artesán Antonio Suárez Dávila (Vigo), Cestería tradicional con palla e silveira, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), e o curso de Iniciación á Ilustración, a cargo de Iria Ribadomar (Santiago de Compostela). A segunda edición do Campus dos Oficios leva por título A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta e celebrarase o sábado 7 de xullo no Auditorio Manuel Costa Casares, contando coa participación de arquitectos, artesáns, artistas e especialistas nestes materiais. Os interesados en participar deberanse inscribir na web da Fundación Artesanía de Galicia ata o 4 de xullo.

Artesanía no PratoComo xa é habitual, o Corazón da Artesanía incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, co obxectivo de achegar Artesanía de Galicia ao eido da mellor gastronomía galega, a través de showcookings de prestixiosos cociñeiros galegos que empregan pezas da marca como soporte dos seus menús.

Nesta sétima edición participarán Iñaki Bretal, do restaurante O Eirado da Leña (Pontevedra), Héctor López, do Restaurante España (Lugo), María Varela do restaurante A Parada das Bestas (Palas de Rei) e Javier Rodríguez Ponte “Taky” do Catering Boketé (A Coruña). Ademais, está previsto organizar unha degustación de produtos galegos e unha cata comentada de viños de Galicia a cargo de Vide, Vide!, que terá lugar o sábado ás 18:00 h, así como unha degustación da Coctelería Long Drink con augardente de Galicia, a cargo de Xaime Rodríguez, o venres ás 18:00 horas. Para participar nestas demostracións é preciso inscribirse no teléfono 692 843 313 (en horario de 9:00 a 14:00) ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.

Ademais, un total de 49 empresas de produtos de alimentación participan nesta sétima edición do Corazón da Artesanía, ademais de 5 food trucks que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos.

MúsicaO programa do Corazón da Artesanía. VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos que terán lugar na Praza do Concello. O grupo O Sonoro Maxín será o encargado de pechar o programa do venres 6 de xullo e a banda de jazz compostelá Sumrrá protagonizará a noite do sábado 7. Os dous concertos están programados para as 22:30 horas. O domingo será a quenda de De vacas, que actuarán en sesión vermú, ás 13:00 horas. O sábado tamén ás 13:00 terá lugar o espectáculo de música e teatro As fillas bravas, da compañía Chévere. A música tradicional estará representada pola Asociación Cultural Xacarandaina, da Coruña, que actuará o domingo ás 19:00 horas, así como por Bico da Balouta, de Agolada, que se encargará dun pasacalle o sábado a partir das 18:00 horas.


- Te recomendamos -