Inicio Galicia Atardecer no Gaiás programa 21 concertos ao aire libre para musicar os...

Atardecer no Gaiás programa 21 concertos ao aire libre para musicar os solpores da Cidade da Cultura durante o verán

0

O ciclo convértese en escaparate das tendencias musicais actuais, con maior presenza das músicas urbanas e a aposta polas voces femininas


Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao solpor da Cidade da Cultura, vólvelle pór banda sonora ao verán con 21 actuacións ao aire libre, a partir do 5 de xullo. O cartel deste ano é fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Así, dálle máis espazo ás músicas urbanas —hip-hop, trap ou cumbia-electrónica— e evidencia unha clara aposta polas voces femininas —maioría nesta edición— e nun abano amplo de rexistros, que van desde a ecléctica Nathy Peluso; ao soul da galega-suíza Nastasia Zürcher; á bossa-nova Dom La Nena: ou ao reggaeton feminista das Tremenda Jauría, que serán as encargadas da fin de festa deste ciclo o 18 de agosto.

Ata esa data, Atardecer no Gaiás ofrecerá concertos de balde no Escenario Alhambra, situado na Praza Central do Gaiás, os xoves, venres e sábado ás 21 horas. Este ciclo, que conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas (Inaem) e o patrocinio de Cervezas Alhambra, é unha das citas consolidadas de Verán no Gaiás, programación da Cidade da Cultura para os meses de estío con preto de 70 actividades de cultura e de lecer, ao aire libre e en contacto coa natureza.

Estilos moi variadosO cartel de Atardecer no Gaiás pretende reflectir e recoller unha escolma da actualidade musical, tanto a nivel internacional como galega, que conta cun peso relevante e de estilos variados. Así, nesta octava edición escoitaranse o folk combativo de A Banda da Loba; o pop intimista de Yelow Belly e David Vázquez; o nihilismo entusiasta de Oh! Ayatollah; a electrónica de Baiuca; o tributo a Queen da Banda Artística de Merza xunto ao coro Gli Appassionati; e sons persas extraídos da mandolina, grazas ao último proxecto de Fernando Barroso que leva por título Silence Lovers Club.

A presenza de artistas e formacións internacionais é sinal identitaria da programación de Atardecer no Gaiás. Xustamente, esta edición arranca cunha formación con músicos australianos e españois, The Shirley Davis & the Silverbacks. Ademais, contará coa arxentina Nathy Peluso, cun rexistro amplo de estilos que van desde o trap, hip-hop ata a salsa; cos ritmos mexicanos de La Redada; coa bossa-nova de Dom La Nena, do Brasil; e coas melodías árabes mesturadas con rap e electro-rock da formación franco-marroquí N3rdistan.

Deste xeito, Atardecer no Gaiás volve ofrecer unha escolma de diferentes estilos musicais, na que non faltarán representantes do indie con Pajaro Sunrise, Mordem e Pony Bravo; do punk con Las Odio; do jazz afroamericano con Paula Valls; e do trap e hip-hop con Rels B, rapaz mallorquín de 25 anos cuxos temas alcanzan os 20 millóns de visitas en Youtube.

Sesións de Dj e ampliación de servizo de busesMoitas destas actuacións garanten converter a Praza Central do Gaiás nunha gran pista de baile, tamén as sesións de Dj que se farán para continuar a festa musical tras cos concertos de Resl B, Nathy Peluso, Pony Bravo e Tremenda Jauría.

Ademais, para os días de Atardecer no Gaiás, o último autobús urbano de baixada da Cidade da Cultura ao centro de Santiago de Compostela será ás 23 horas, que se ampliará ata as 00.30 horas para aqueles concertos que contan con sesión Dj, co obxecto de facilitarlle transporte as persoas que se queiran quedar.

E para aquelas persoas que prefiran baixar a pé, a Cidade da Cultura ofrece unha alternativa que combina deporte, lecer e patrimonio. Trátase de Camiño ao Gaiás, as andainas guiadas pola Fundación USC Deportiva que comezan tamén o xoves 5 de xullo. Nesta edición volven contar con sesións nocturnas, ademais das diúrnas, polo que se pode tirar proveito delas os días que coincidan con algúns dos concertos de Atardecer no Gaiás. Estas andainas saen desde o Espazo On da Cidade da Cultura e rematan na Praza de Galicia.

Toda a información dos concertos de Atardecer no Gaiás como do resto de actividades inseridas na programación de Verán no Gaiás pódense consultar na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal  


- Te recomendamos -