O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, abordaron os detalles desta convocatoria na reunión da Comisión de coordinación de Policías Locais
A Xunta convocará na primeira quincena do mes de xullo as oposicións centralizadas aos corpos de Policía Local. Nesta primeira edición, ofertaranse un total de 39 prazas en 23 concellos.
Así o sinalou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, durante a súa participación na reunión ordinaria da Comisión de coordinación de Policías Locais de Galicia, na que están representados a Xunta, os concellos e os sindicatos.
No encontro, abordaron as disposicións que se incluirán na orde que realizará esta convocatoria. Cómpre recordar que o procedemento para as prazas de auxiliares de Policía Local xa rematou, cun total de 109 prazas cubertas en 24 concellos, ás que despois se sumaron outras 8 prazas máis que foron comunicadas por dous concellos con posterioridade.
Trátase do primeiro ano no que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) centraliza estes procedemento para aqueles concellos que decidan voluntariamente delegar as súas competencias na materia. Ata agora, xa hai 51 concellos que asinaron o convenio de adhesión. A posta en marcha deste proceso supón un importante avance que permitirá mellorar a profesionalización da Policía Local, ao tempo que facilita a xestión dos concellos, evitando cargas e posibilitando a cobertura de vacantes e a mellora dos cadros de persoal destes corpos. Ademais de este tema, na Comisión celebrada hoxe tamén se abordaron outros asuntos de interese, como o balance das actuacións realizadas polas Policías Locais durante o 2017, ou a análise de concesións de distincións de honra.
- Te recomendamos -