Así o anuncio esta mañá o director xeral de Desenvolvemento Rural no comité de seguimento
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, presidiu esta mañá en Ourense a reunión do Comité de Seguimento de Regadíos da Limia, onde destacou que a Consellería do Medio Rural destinará un total de 1,6 millóns de euros para modernizar os regadíos desa zona. Desta cantidade, explicou, o 20 por cento será asumido polos regantes da zona.
Pérez Dubois sinalou que o proxecto de modernización, o cal estará adecuado á declaración de impacto ambiental que sairá publicada este verán, consiste na construción de 20 novos pozos de auga para o subministro das comunidades de San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte, Lamas Ganade e Alta Limia.
O director xeral destacou o importante esforzo económico que fai a consellería para levar a cabo esta modernización en vistas dunha mellora no sistema de regadíos desta zona, máxima produtora da pataca certificada pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural someteu a información pública a actualización e modificación do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e a data actual as diferentes administracións xa realizaron a súas alegacións, polo que o documento será tramitado e aprobado ao longo deste verán.
A esta reunión asistiron a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, os alcaldes dos concellos de Xinzo de Limia, Porqueira e Trasmiras, representantes das catro comunidades de regantes, persoal da empresa pública Tragsa e técnicos da Consellería do Medio Rural.
- Te recomendamos -