Inicio Galicia Convocado o VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Convocado o VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

0

O Festival Outono Fotográfico, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo convocan o certame, que promove novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía

O Festival Outono Fotográfico, que conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, convoca a sexta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que pretende “promover novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía”. Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación das bases, que tivo lugar na biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

As entidades que promoven o certame comparten “o interese prioritario de que constitúa unha plataforma para dar a coñecer o talento dos creadores e das creadoras que están a empregar as linguaxes fotográficas contemporáneas para a produción do seu traballo”, afirmou o secretario xeral, quen puxo en valor o incremento de participación en cada unha das edicións, ata os 37 proxectos presentados na do ano pasado. Para Anxo Lorenzo, ademais, “o certame adquire cada ano un maior peso específico entre os fotógrafos profesionais, con participación de autores referenciais neste ámbito”.

Os impulsores e coordinadores deste premio son Vítor Nieves, que é tamén o comisario da exposición que se realiza co traballo gañador en cada edición; e Xosé Lois Vázquez, director, ademais, do Outono Fotográfico. Ambos explicaron as principais características da convocatoria.

Difusión do proxecto premiadoO certame está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición temporal que se inaugurará entre os meses de novembro e decembro de 2018 no marco do Festival Outono Fotográfico e que poderá itinerar durante dous anos dentro da súa programación e tamén da que promovan con tal motivo tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia.

A edición do libro co traballo gañador, dentro da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF, completa o galardón deste certame fotográfico. Ademais, unha selección de fotografías do proxecto formará parte do libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.

Os participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado en calquera data comprendida entre setembro de 2008 e setembro de 2018, e que non fora subvencionado ou recibise unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

O prazo de presentación abre o día 30 de xuñoO prazo de presentación das obras será desde o vindeiro sábado 30 de xuño ata o 15 de setembro de 2018 e os proxectos enviaranse por correo ou por medio de calquera empresa de transporte a Difusora de Letras Artes e Ideas no enderezo postal que se especifica nas bases do certame.

Entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará tres –atendendo á linguaxe visual do autor ou da autora, á calidade fotográfica, á contemporaneidade–, que serán os finalistas. Os seus nomes publicaranse o 22 de setembro de 2018 en www.outonofotografico.com e nas redes sociais do festival. O nome do gañador ou gañadora será designado polo xurado 48 horas despois e publicado nas referidas canles.

Difusión da creación fotográfica contemporáneaEntre os obxectivos do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea está o de achegarlle á cidadanía os traballos gañadores, co fin de impulsar a difusión pública da creación fotográfica contemporánea. Con este propósito, as exposicións que viron a luz no marco deste certame percorreron diversos puntos tanto de Galicia como do resto da península Ibérica, entre eles Vigo, A Coruña, Ferrol, Segovia, Valladolid, Braga e Lisboa. Ademais, algunhas das mostraron chegaron tamén a Fortaleza (Brasil), Atenas (Grecia), París (Francia) e Oslo (Noruega).  


- Te recomendamos -