Recordou que a singularidade de Galicia como destino é unha das súas fortalezas para o que o Goberno autonómico aporta 3,5 millóns de euros en liñas de axuda
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe a aposta da Xunta por impulsar os recursos turísticos dos concellos dentro do seu compromiso por diversificar e especializar a oferta galega. Así o manifestou durante a súa intervención nunha das mesas redondas incluídas nas xornadas técnicas A integración dos recursos turísticos para o desenvolvemento do territorio, que se están a celebrar durante esta semana no xeodestino Condado Paradanta.
A responsable de Turismo da Xunta sinalou a oportunidade que o turismo está a brindar á hora de impulsar o desenvolvemento económico, social e cultural das catro provincias, influíndo en aspectos tan relevantes como a xeración de emprego, a fixación de poboación ou o mantemento do noso patrimonio histórico. “Para acadar este desenvolvemento, a nosa fortaleza como destino radica na posta en valor que facemos dos recursos locais de cada territorio, o que nos permite brindar unha oferta de calidade e especializada ao tempo que repartimos os beneficios do turismo por toda a nosa xeografía”, indicou Nava Castro.
Neste sentido, fixo referencia ao potencial turístico dos reclamos singulares dos xeodestinos galegos e o compromiso do Goberno galego para o seu desenvolvemento ao abeiro da Estratexia do turismo de Galicia 2020. Recordou o investimento de 3,5 millóns de euros dos que se dotan as liñas de subvencións deste ano para as entidades locais e xeodestinos, que reforzan o compromiso de Turismo de Galicia para especializar a oferta.
Oportunidade do turismo rural en PontevedraReferiuse ao Condado Paradanta, co seu potencial termal, iniciativas como a recuperación do patrimonio etnográfico das pesqueiras en localidades do Baixo Miño, a Ruta da lamprea ou a media ducia de festas de interese turístico “cunha acertada posta en valor turística que se converten nun perfecto exemplo de como é o modelo turístico galego”, manifestou.
Nava Castro recordou os compromisos fixados na Estratexia 2020 para seguir afondando nestes obxectivos, colaborando coas diferentes entidades locais na implantación de rutas temáticas ou mesmo desenvolvendo iniciativas como o Plan de enogastronomía de Galicia e o Plan estratéxico do turismo rural, que se atopan en fase de deseño para fixar as liñas futuras destes mercados en alza. Neste sentido mencionou a oportunidade da provincia de Pontevedra no eido rural, onde o ano pasado a demanda medrou máis dun 17%.
- Te recomendamos -