A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asistiu á presentación en Galicia de ‘Mares Circulares’, un programa no que participan un cento de entidades, lideradas por Coca-Cola, que inclúe actividades de limpeza de costas e fondos mariños en España e Portugal e tamén accións de sensibilización
A futura Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 prestaralle unha atención especial ao problema dos plásticos e incluirá un apartado específico co fin de conseguir a redución deste tipo de residuos, que causan unha especial afección sobre o medio mariño.
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, no acto de presentación de Mares Circulares, un programa para a limpeza da costa e dos fondos mariños impulsado este ano por Coca Cola e no que participan en total máis dun cento de entidades. Durante o acto, a responsable de Medio Ambiente resaltou a importancia de que haxa empresas que se impliquen de forma directa no coidado do entorno, unha tarefa común de toda a sociedade.
Entre os problemas que poñen en risco ese patrimonio natural, Mato Otero referiuse aos residuos mariños como “un dos maiores retos medioambientais” do momento actual e un “obxectivo prioritario” na axenda das administracións públicas. Neste sentido, lembrou que se estima que o 80% dos residuos mariños proceden da actividade do home en terra e que en concreto, o plástico é o máis abundante e prexudicial de todos os que chegan ao mar.
Tras subliñar o impacto que ten este material sobre os ecosistemas mariños e a pesca, unha actividade “vital” para Galicia, a conselleira asegurou que, ante esta situación, todas as administracións teñen a obriga de actuar porque “o futuro pasa por converter os residuos en recursos”. Neste compromiso enmarcou o traballo realizado xa pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a prol da implantación da economía circular en Galicia e de acadar unha conciencia social cada vez maior que permita mellorar as actuais taxas de reciclaxe, na liña marcada pola UE.
Así, referiuse ao traballo desenvolvido no último ano polas seis mesas de expertos que están a colaborar coa Xunta no deseño multidisciplinar da futura Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, unha folla de ruta que guiará as grandes liñas de actuación do Goberno galego na materia a longo prazo e na que haberá, tal e como adiantou, “un importante apartado dedicado á redución dos plásticos”.
Actuacións en GaliciaO programa Mares circulares, que percorrerá a costa de España e Portugal este verán coa axuda de 1.000 voluntarios, prevé catro actuacións en Galicia. Concretamente, as iniciativas de limpeza a conservación realizaranse nas praias de Barra (Ponteceso), Boiro, Traba (Laxe) e no porto de Redondela. Así mesmo, a iniciativa prevé tamén actuacións de concienciación e sensibilización dirixidas a mozos e adultos, coas que se pretende inculcar entre a poboación a importancia da reciclaxe e o seu labor na protección do medio natural.
- Te recomendamos -