Inicio Galicia As comunidades de montes e Sofor limparán en Galicia máis de 8.500...

As comunidades de montes e Sofor limparán en Galicia máis de 8.500 hectáreas a través da liña de axudas da Xunta

0

A orde inclúe dúas liñas de acción, por unha parte a construción de puntos de auga e por outra as rozas e cortalumes


A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá ao concello de Rois para supervisar as actuacións preventivas levadas a cabo en tres comunidades de montes deste municipio coruñés. Todas elas foron beneficiarias da liña de axudas que ten este departamento autonómico para rozas e construción de puntos de auga en montes veciñais e sociedades de fomento forestal, cuxo orzamento para 2018 foi de 4,5 millóns de euros e que permitirán limpar máis de 8.500 hectáreas e construír 39 novos depósitos de auga en toda Galicia.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, destacou que a través destas axudas se crean zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por eles. Neste senso, explicou que as actuacións levadas a cabo nestes montes de Rois permitiron crear unha gran faixa de protección ao redor dos núcleos de poboación.Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de manter os montes limpos e coidados, apostando pola súa posta en valor e preservando tanto a parte medio ambiental como a económica. Estes traballos en montes veciñais en man común e Sofor súmanse aos realizados pola propia consellería e administracións locais con convenios de colaboración en materia de prevención. En total, entre os anos 2017-2018 lévanse investido 31 millóns de euros cos que se subvencionaron rozas e clareos, novos puntos de auga e apertura de pistas e cortalumes para facilitar os labores de extinción.

Axudas para rozas e puntos de augaNo caso do concello de Rois, as comunidades de montes beneficiarias destas axudas e que hoxe visitou a titular de Medio Rural foron as de Bandón, Campo de Lamas e Beade-Porto. As actuacións, algunhas delas aínda se están executando, consisten no acondicionamento de 22 hectáreas de cortalumes e 1,17 hectáreas en faixa auxiliar e brazo.

No caso de Galicia, aprobáronse 436 expedientes para a liña de rozas por un valor de 3,9 millóns de euros, sendo a provincia de Ourense a que máis beneficiarios tivo (con 181), seguida de Pontevedra (119), Lugo (101) e A Coruña (35).

A segunda liña de subvención que ten esta orde de axudas financia a construción de puntos de auga, que deberán localizarse en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais. No caso de expedientes de comunidades de montes, mancomunidades ou agrupacións de menos de 500 hectáreas, subvencionarase un punto de auga, chegando a dous no caso dos terreos de máis de 500 ha ou Sofor. Neste caso, os beneficiarios foron 39 cunha achega superior aos 488.000 euros, destacando a provincia de Ourense (18), seguida da de Lugo (11), Pontevedra (9) e A Coruña (1).

Axuda aos concellosA conselleira tamén valorou que o concello de Rois teña subscrito as tres liñas do convenio de prevención de incendios forestais, sumándose así aos 283 municipios que teñen algún tipo de acordo. O orzamento que achega Medio Rural aos concellos e mancomunidades neste 2018 é superior aos 11,7 millóns de euros e polos que os municipios poden contratar brigadas municipais, condutores de motobomba e recibir subvencións polas hectáreas rozadas.


- Te recomendamos -