O delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, lembrou que ante a elevada demanda para este curso, que xa tivo 6 edicións na provincia, optouse por repetir o mesmo en Boqueixón
Un total de 24 voluntarios de 15 agrupacións de Protección Civil da provincia de A Coruña participaron, hoxe en Boqueixón, nun curso de formación en desfibrilación semiautomática externa (Desa) que consistirá nunha hora de formación teórica e outras catro horas de práctica.
Este curso vai dirixido a voluntarios, que xa teñan feito o curso básico de protección civil, e ten como obxectivo adquirir a formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos co fin de conseguir aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas. Tamén adquirirán habilidades para acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz.
Neste curso participaron voluntarios de Ames, Boiro, Boqueixón, Carballo, Carral, Dumbría, Lalín, Mazaricos, Melide, Ordes, Padrón, Pontecesures, Santa Comba, Teo e Vilasantar. Inclúese dentro da programación que a AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) fai, o primeiro semestre do ano, para os voluntarios de Protección Civil co obxectivo de achegar a formación aos concellos.
O delegado territorial visitou esta acción formativa e aproveitou para “agradecerlle aos participantes a importante labor que desempeñan nos municipios, xa que en moitas ocasións son dos primeiros en chegar as situacións de emerxencias”. Neste senso, recalcou que “mellorar a formación é unha das pezas claves para garantir a eficacia na prestación dun servizo básico para todos os galegos”.
Ovidio Rodeiro apuntou que na provincia da Coruña convocáronse 6 edicións deste curso das que xa se realizaron dúas en Malpica de Bergantiños e Abegondo e outras en Ames, Narón e a Pobra do Caramiñal. Ante a elevada demanda para este curso o delegado territorial apuntou que se preparou esta convocatoria de Boqueixón.
- Te recomendamos -