Enxalza o labor da Asociación Española contra el cáncer, que conta cunha importante traxectoria no ámbito da investigación de calidade
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia da prevención, da detección precoz, da investigación de calidade e da atención médica integral para derrotar o cancro.“Na loita contra o cancro, a balanza estase a inclinar, pouco a pouco, cara ao noso lado”, aseverou o presidente da Xunta en alusión aos pacientes, aos seus seres queridos e, e en definitiva, á sociedade no seu conxunto.
Na sexta cea benéfica da Asociación Española contra el cáncer de Santiago, Feijóo apostou por unha investigación de calidade que mellore a vida das persoas con cancro, involucrando para conseguilo a todos os sectores da sociedade: entidades sen ánimo de lucro, administracións públicas e iniciativa privada.
No eido da investigación, no que a Asociación Española contra el cáncer (AECC) conta cunha importante traxectoria, o titular do Goberno galego recordou que se teñen producido cuantiosos avances nos últimos anos, o que permitiu aumentar a supervivencia e a calidade de vida dos pacientes. “E, ademais, cada vez son máis as persoas que superan esta enfermidade”, engadiu.
A continuación, Feijóo avogou pola colaboración permanente entre especialidades médicas, pois o sistema público de saúde detecta todos os días diferentes tipos de cancro que se relacionan entre si.
Atención médica integralDo mesmo xeito, defendeu a importancia de ofrecer ao enfermo unha atención integral, atendendo por completo todas as súas necesidades e non simplemente as médicas e físicas. “A atención médica integral é un dos piares do Servizo Galego de Saúde xunto coa prevención, a detección precoz e a investigación de calidade”, abundou.
Para finalizar, Feijóo subliñou que as enfermidades oncolóxicas son unha prioridade para a Xunta, o que se reflicte en dous feitos. En primeiro lugar, na implantación de vías rápidas en todos os hospitais do Sergas para pacientes con sospeita de proceso oncolóxico de varios tipos e, en segundo lugar, na redución do tempo de espera nestas vías.
A este respecto, lembrou que se beneficiaron destas vías rápidas un total de 17.181 pacientes o pasado ano: un 28,74% máis que en 2016.
- Te recomendamos -