Inicio Galicia Cores Tourís destaca que a comarca do Salnés leva cinco anos consecutivos...

Cores Tourís destaca que a comarca do Salnés leva cinco anos consecutivos de creación de emprego

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra incidiu en que esta área, xunto a Caldas e Pontevedra, son as comarcas que rexistran o maior ritmo de crecemento en toda Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que, segundo os datos sobre afiliación á Seguridade Social por concello de residencia, a comarca do Salnés é unha das tres da provincia de Pontevedra que rexistrou cinco anos consecutivos de creación de emprego.

Deste xeito, o Salnés, xunto á comarca de Caldas e a de Pontevedra, viron incrementadas a súa afiliación dende o primeiro trimestre de 2013, un ano antes quen o conxunto da comunidade autónoma.

Tal e como explicou o delegado territorial, “dende o primeiro trimestre de 2014, estas tres comarcas rexistran o maior ritmo de crecemento de emprego de toda Galicia. A suma destas dúas circunstancias reflicten un escenario moito máis favorable que o que tamén amosan o resto de comarcas galegas”.

A afiliación nesta zona xeográfica nos últimos catro anos (2014-18) medrou en 10.862 traballadores, un +13,03%, o que supón un ritmo de subida superior en máis de catro puntos á media galega (+8,65%). No caso do Salnés, o aumento foi de 4.440 traballadores, é dicir, un 12,90% de subida.

José Manuel Cores Tourís engadiu que o último ano acadaba a maior subida interanual de afiliacións tanto en termos absolutos como relativos, superando o resultado dos tres anos anteriores.

Ademais, nos últimos catro anos, tamén se observou, segundo apuntou o delegado territorial, un importante incremento de afiliación nos tres réximes, o xeral, o de autónomos e no do mar. No réxime xeral, incrementouse en case cinco puntos máis ca media galega, un 17,17% no xeral, un 5% en autónomos e un 1,62% no de mar.“Precisamente, o liderazgo no incremento de emprendedores en toda Galicia neste período, está copado”, tal e como matizou Cores Tourís, “nas dúas primeiras posicións polas comarcas do Salnés e Pontevedra, que representan o maior crecemento porcental no mapa comarcal galego, aglutinando conxuntamente un global de 930 novas afiliacións de autónomos”.

Os catro sectores onde máis creceu o emprego nas tres comarcas foi en agricultura e pesca, en industria, na construción e, especialmente, nos servizos, xa que 8 de cada 10 empregos concentráronse neste sector.

En canto ao perfil do crecemento de afiliación, o incremento chegou a ambos sexos, aínda que foron os homes os que experimentaron un aumento maior que as mulleres (un 14,4% fronte ao 12,21%). A pesar disto, o crecemento do emprego feminino é case catro puntos superior ao rexistrado no conxunto de Galicia, un 8,55%). Finalmente, en canto a idade, o emprego medrou en tódolos cohortes de idade, aínda que máis entre as persoas maiores de 44 anos, con un 20,9% máis de afiliacións ata chegar ás 7.467 nas tres comarcas. “Estamos a falar da poboación máis vulnerable”, rematou o delegado territorial, quen insistiu en que “tamén os mozos rexistraron unha mellora importante, gañando neste período 1.156 cotizantes, é dicir, un 11,50% máis”. O incremento nos menores de 30 anos supón un ritmo de subida superior, en máis de oito puntos, ao reflectido en Galicia (3,25% máis).


- Te recomendamos -