Unha terceira parte das peticións, 117, proveñen de Venezuela, outras 66 proceden da Arxentina, 40 do Brasil, 34 do Uruguai e 22 do Reino Unido
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018.- As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), o programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración para fomentar o retorno dos mozos galegos no exterior, vén de recibir na súa segunda convocatoria un total de 355 solicitudes, o dobre que na súa primeira edición, en 2017. O programa busca facilitar o regreso a Galicia dos cen mellores expedientes universitarios do estranxeiro a través dunha axuda que sufraga os gastos de matrícula, viaxe e estadía para cursar un mestrado nalgunha das tres universidades públicas galegas (a Universidade Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña). A aportación económica compleméntase con sesións informativas e de orientación laboral para os beneficiarios da iniciativa, co obxectivo de proporcionarlles as ferramentas necesarias para que fixen o seu futuro profesional e persoal na comunidade autónoma.
O prazo de solicitude de prazas rematou o pasado 31 de maio, e ata ese momento un total de 540 persoas iniciaron a tramitación da petición, malia que 185 delas non remataron o proceso por diferentes motivos. Dos 355 que si completaron a xestión, deseñada para levarse a cabo de xeito integramente electrónico, 214, é dicir, máis do 60 %, son mulleres e os 141 restantes, o 39,72 %, homes.
Venezuela foi, ao igual que na primeira convocatoria das BEME, o país do que procedeu a meirande cantidade das solicitudes, unha terceira parte. As 117 peticións que se tramitaron desde o país suramericano lidera, con diferenza, a listaxe que completan as 66 provintes da Arxentina, as 40 do Brasil, as 34 do Uruguai, as 22 do Reino Unido e as 20 de México. Tamén chegaron expedientes académicos desde outros 24 países do mundo, como Chile (8), Alemaña (6), Francia (5), Panamá (3), Cuba (3), Bolivia (3), Bélxica (2), Andorra, Austria, Canadá, Colombia, Costa Rica, Ecuador, Emiratos Árabes Unidos, Estadios Unidos de América, Guatemala, India, Paraguai, Perú, Polonia ou Portugal.
A franxa de idade con máis peticións“Conseguir duplicar o número de solicitudes para optar a unha das cen Bolsas Excelencia Mocidade Exterior en só un ano é unha mostra clara de que os mozos galegos no exterior precisaban dunha iniciativa destas características que lles facilitase o retorno á súa terra de orixe ou á dos seus país ou avós”, sinalou Miranda, quen lembrou a “grande oportunidade que a xuventude galega que reside no estranxeiro supón para a nosa comunidade á hora de superar o importante reto demográfico que afronta”.
Os mozos galegos que completaron o proceso de solicitude para obter unha das cen BEME teñen unha idade media de 30 anos, malia que é o grupo que conta arestora con 28 anos o máis numeroso, seguido dos que teñen 26 e 25, respectivamente. En xeral, a franxa que comprende dos 24 aos 31 anos foi a que amosou unha maior interese por formar parte da segunda promoción dos mestrados resultantes do programa da Secretaría Xeral da Emigración.
- Te recomendamos -