Os interesados no transporte a demanda só deberán chamar ao teléfono 988 68 78 00 e facer a reserva antes das 20 horas do día laborable anterior ao da viaxe
A Xunta de Galicia intensifica desde hoxe os servizos de transporte a demanda, coincidindo co inicio das vacacións escolares.
Os interesados en utilizar os servizos a demanda só deberán chamar ao teléfono 988 68 78 00, facendo a súa reserva antes das 20 horas do día laborable anterior a aquel no que se desexe viaxar. Ademais, a través da páxina web www.bus.gal tamén poderán consultar os horarios e servizos de transporte baixo demanda.
Cómpre lembrar que parte dos servizos de transporte escolar compartido, outro novo sistema co que en determinadas rutas os veciños poden empregar as prazas baleiras do autobús que leva aos rapaces á escola, pasarán a prestarse con reserva de praza previa.
A Xunta, no marco do novo Plan de transporte público de Galicia, cuxa 1ª fase botaba a andar no pasado mes de agosto, incorporou dous novos sistemas, o compartido e baixo demanda, para aumentar a cobertura nas zonas onde non chegaba o transporte público. Así, duplicouse o número de liñas e triplicouse o de paradas máis preto dos usuarios.
O autobús compartido, desde a súa entrada en funcionamento, xa ten permitido a realización de máis de 90.000 viaxes. En total, están en servizo 491 liñas integradas, o 61,5% de todas as liñas do plan, con 5.297 paradas en 189 concellos.
No que se refire ao transporte a demanda, puxéronse en funcionamento 492 liñas con algunha parada baixo demanda, con 3.107 que dan servizo a 169 concellos.
Estes servizos permitiron unha mellor adaptación ás necesidades dos usuarios, tanto en tempos de percorrido como en cobertura territorial, especialmente no rural.
O Goberno galego, unha vez en marcha a 1ª fase do plan e iniciado o camiño de modernización do transporte público por estrada en 800 liñas, segue avanzando no deseño da 2ª, que abordará o resto de liñas e fará chegar os beneficios ao total de Galicia no horizonte do ano 2019.
- Te recomendamos -