O responsable do departamento de inclusión felicitou tanto ao persoal do centro como ás persoas usuarias polo seu labor e implicación
O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, acompañado do delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, participou hoxe no Día do Usuario organizado polo Centro Sociocomunitario de Coia. Esta cita enmarcouse ademais no programa de actividades do 25 aniversario deste centro que se celebra este ano con diferentes actos que teñen como finalidade o desenvolvemento da convivencia, a solidariedade, a participación activa e o traballo en equipo das persoas usuarias.
Así, na xornada de hoxe fíxose entrega de presentes aos usuarios do centro destacados pola súa participación e colaboración ao longo destes 25 anos; e tamén tiveron lugar distintas exhibicións e mostras dos traballos realizados durante o curso. Así mesmo, con motivo da efeméride organizouse o certame literario titulado ’25 aniversario, facendo barrio’ e gravouse un vídeo conmemorativo.
Na súa intervención, o director xeral felicitou tanto aos responsables e ao persoal deste servizo de titularidade e xestión públicas polo labor que están a facer, así como aos usuarios pola implicación nas actividades que se organizan, con especial mención ás persoas maiores que “dan exemplo coas súas gañas de seguir aprendendo e co seu desexo de compartir experiencias e vivencias cos demais a través dos obradoiros, charlas, cursos ou excursións que se ofertan nestas instalacións”. Nesta liña, subliñou que “a Xunta está a facer un importante esforzo en poñer valor e relanzar estes centros, como espazos para a integración e socialización, así como para propiciar unha vida activa e participativa”.
Ao respecto, Arturo Parrado apuntou que o seu departamento autonómico vén de habilitar un crédito adicional de 300.000 euros para reforzar a programación da rede autonómica de centros sociocomunitarios, que no caso da zona de Vigo está conformada polos equipamentos de Baiona, Bouzas, Calvario, O Porriño, Rivera Atienza, Teis, Redondela, Vigo (Pi y Margall) e este de Coia. A Xunta destina este ano preto de dous millóns de euros ao financiamento e realización de actividades destes recursos, ademais de chegar a acordos con entidades que usan estes espazos para a realización das súas actividades, abertas a todos os seus usuarios.
No caso do Centro Sociocomunitario de Coia no primeiro semestre do curso 2017-2018 ofertou 35 actividades que se desenvolveron entre o pasado mes de setembro e o presente de xuño. Son accións de moi diversa índole como actividade física, artística, cultural ou de formación, entre outras e nas mesmas matriculáronse máis de 550 persoas. A esta programación hai que engadir as actividades de La Caixa destinadas a maiores de 60 anos, un total de14 actividades neste primeiro semestre do ano nas que participaron 180 persoas. Para o segundo semestre do ano, o centro acollerá outra quenda de obradoiros, cursos e xornadas sobre informática, risoterapia ou dietética e nutrición, entre unha ampla oferta dirixidas a distintas franxas de idade como un taller sobre a busca activa de emprego para mozos e mozas.
- Te recomendamos -