Inicio Galicia Galicia impulsa a formación en materia de biblioteconomía coa adxudicación de 35...

Galicia impulsa a formación en materia de biblioteconomía coa adxudicación de 35 bolsas

0

As persoas beneficiarias desenvolverán o seu período de aprendizaxe nalgunha das sete bibliotecas de xestión autonómica e na municipal de Ferrol


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou as 35 bolsas do programa de formación en biblioteconomía de 2018, o que lles permitirá a outras tantas persoas adquirir experiencia na materia, ademais de completar o seu currículo académico. A formación, que conta co acompañamento dun titor, incide no tratamento técnico dos fondos, ademais de abranguer calquera outra actividade que favoreza o seu coñecemento sobre os diversos servizos bibliotecarios.

A Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 215.600 euros ao programa de formación en biblioteconomía de 2018, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180621/AnuncioG0164-130618-0007_gl.html.

As bolsas terán unha duración máxima total de sete meses e as persoas beneficiarias recibirán a súa formación na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Santiago Ánxel Casal, da Coruña Miguel González Garcés, de Lugo, de Ourense, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Vigo Juan Compañel e na Biblioteca Municipal de Ferrol, baixo a coordinación e dirección de persoal técnico destes centros.

Programa de formación en biblioteconomía e arquivosXunto con estas bolsas en materia de biblioteconomía –dirixidas a persoas tituladas en biblioteconomía ou documentación; en información e documentación; en xeografía e historia, filoloxía, lingua e literatura, ciencias da cultura e difusión cultural ou humanidades–, a Secretaría Xeral de Cultura tamén promove un programa de formación de 20 bolsas destinadas á cualificación técnica nos procesos do ámbito arquivístico e dos fondos documentais.

Con estas convocatorias, a Secretaría Xeral de Cultura impulsa un programa de formación teórico-práctica –impartida por profesionais con experiencia e coñecemento neste ámbito– que, engadida á formación académica, contribúe a completar o currículo académico dos bolseiros e das bolseiras, nas técnicas e aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral.  


- Te recomendamos -