Inicio Galicia Ángeles Vázquez: ?este Goberno segue a traballar nunha mellora das condicións laborais...

Ángeles Vázquez: ?este Goberno segue a traballar nunha mellora das condicións laborais dos axentes forestais e ambientais?

0

A conselleira salientou que se están mantendo reunións continuas coas organizacións sindicais, pois o obxectivo do Goberno galego é chegar a un acordo satisfactorio para todos

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde no Parlamento para dar conta das negociacións coas organizacións sindicais na mellora das condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientas. Alí, deixou claro que nunca se romperon as negociacións senón que se están desenvolvendo con normalidade e tratando de chegar a un acordo satisfactorio para todos.

A conselleira manifestou que no ano 2016 se impulsou un proceso específico de formación para que os axentes puideran acadar a titulación que lles permitiría acceder á nova escala de “axentes técnicos en xestión ambiental” do subgrupo B, categoría que se creou na Lei de Empregado Público de Galicia do ano 2015. Este primeiro procedemento, no que participaron arredor de 200 axentes, implicou un compromiso orzamentario de preto de 400.000 euros por parte dos departamentos de Medio Rural e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como da propia consellería de Educación.Ángeles Vázquez asegurou que se realizará un segundo proceso formativo, co obxectivo de acadar o 40% dos efectivos teñan as condicións académicas precisas e oportunas para a súa integración na nova escala. Este ascenso, manifestou Ángeles Vázquez, suporíalles aos axentes como mínimo unha mellora retributiva en máis de 2.000 euros anuais.

Doutra banda, a titular de Medio Rural explicou que tamén se está traballando, da man de Dirección xeral de Función Pública, nunha mellora das condicións laborais dos axentes, que implicaría outro incremento duns 2.000 euros por axente ao ano, é dicir, unha suba de 4.000 euros por efectivo (entre aumento salarial e de categoría). Son varias as melloras que se están negociando, entre elas a posibilidade de que as quendas nocturnas durante os períodos que non sexan de perigo alto de incendios non teñan que ser presenciais ou que os axentes poidan pasar a unha segunda actividade semellante á dos bombeiros forestais.

Por último, Ángeles Vázquez manifestou o seu compromiso con este colectivo e deixou claro que son un referente na loita contra os incendios forestais, agradecendo o seu labor no referido á protección do medio ambiente, dos bens e das propias persoas. E para que este traballo sexa máis efectivo, engadiu a conselleira, estase realizando un importante esforzo económico para mellorar e ampliar o parque móbil deste servizo, así como incorporar as últimas tecnoloxías que permitan desenvolver un traballo máis eficaz.

Así, a conselleira avanzou que se continúa coa renovación do parque móbil de Medio Rural dedicado aos labores de prevención e defensa contra incendios. Nos últimos meses alugáronse 251 vehículos e adquiríronse outros 36 todoterreo a través dun acordo marco do Estado, por importe dun millón de euros. Estes últimos serán entregados ao persoal mañá xunto con 560 tablets. Así, o dispositivo conta actualmente cun total de 1.336 vehículos, dos cales preto do 68% son de propiedade do Goberno galego.

Axudas da PACNoutra orde de cousas, a titular de Medio Rural explicou que en Galicia se suprimiron os pastos permanentes que non tiñan predominancia herbácea nas axudas da PAC, ao igual que sucedeu en todo o territorio da Unión Europea. Porén, o Regulamento Ómnibus eliminou este requisito de predominancia, polo que as explotacións gandeiras poderán beneficiarse dun posible incremento do Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP) tralos correspondentes controis das alegacións presentadas en 2018, matizou a conselleira. Logro que, precisamente, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez lle solicitara á Unión Europa cara o vindeiro PDR 2021-2027. Deste xeito, os gandeiros en extensivo de razas autóctonas poderán saír beneficiados no reparto de axudas, posto que especies como o toxo ou a carqueixa serven de alimento para razas autóctonas, como é o caso do cabalo e cabra galegos ou a vaca cachena. 


- Te recomendamos -