Inicio Galicia Cores Tourís comproba o inicio das obras de execución dunha glorieta na...

Cores Tourís comproba o inicio das obras de execución dunha glorieta na intersección da PO-400 en Arbo

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que estas obras, que comezan hoxe, teñen un orzamento de 218.208 euros e teñen como obxectivo mellorar a seguridade das dúas interseccións xa existentes que contan con visibilidade reducida coa execución dunha glorieta e dunha semiglorieta


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou hoxe o inicio das obras de execución dunha glorieta na intersección no punto quilométrico 19+660 da estrada PO-400 (Salvaterra-Filgueira) ao seu paso polo concello de Arbo.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, así como polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Trátase dunha actuación sobre as dúas intersección coas estradas provinciais a Couto, na marxe esquerda da PO-400, e a Vila, na súa marxe dereita, situadas nun tramo curvo da vía. Estes cruces, tal e como explicou Cores Tourís, contan cun carril central de espera, aínda que así teñen unha visibilidade reducida polo que os xiros non se realizan nas condicións desexables de seguridade.

Para mellorar esta situación, transformarase o cruce nunha glorieta centrada no acceso a Couto, que se complementará cunha semiglorieta no acceso a Vila. “Esta solución permitirá acougar o tráfico neste tramo da estrada e a realización de tódolos xiros nas condicións desexables de visibilidade e seguridade”, engadiu o delegado territorial.

A solución adoptada consiste en aumentar lixeiramente a superficie da plataforma, deseñar unha glorieta e acomodar os accesos. Este tipo de nó esta caracterizado porque os tramos que nel conflúen comunícanse a través dun anel no que se establece unha circulación rotatoria ao redor dun illote central. Contará cunha calzada de dous carrís de 4 metros, unha beiravía exterior de un metro, igual que a interior, cun diámetro exterior de 28 metros e un diámetro illote de 8.“As traxectorias dos vehículos non se cruzan, senón que converxen e diverxen, polo que o número de conflitos é máis reducido que noutros tipos de nós”, matizou José Manuel Cores Tourís, quen rematou asegurando que “esta alternativa soluciona o problema da escasa visibilidade, xa que o funcionamento dunha glorieta baséase na prioridade de paso dos vehículos que circulan pola calzada anular, fronte aos que pretenden entrar nela desde os tramos, o que implica que o parámetro da visibilidade xa non é un condicionante”.

Ademais, prevese o acondicionamento de dúas paradas de bus cun pequeno tramo de beirarrúa, a sinalización dun paso de peóns e a instalación de alumeado que contará con 22 luminarias led. A obra complementarase coas partidas habituais de afirmado, drenaxe e sinalización.

O orzamento desta obra é de 218.208 euros e o prazo de execución será de tres meses, non sendo necesario levar a cabo expropiacións.

Este proxecto enmárcase nun plan presentado recentemente pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para actuar entre 2018 e 2020 en todos os treitos de concentración de accidentes identificados en estradas autonómicas, un obxectivo ao que prevé destinar 12,3 millóns de euros.


- Te recomendamos -